A residencia universitaria acada o visto bo do pleno do Concello de Ferrol

A Coruña, 24 de maio de 2013.- O pleno extraordinario convocado esta mañá no Concello de Ferrol deu o visto bo ao protocolo entre a Xunta de Galicia, Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña para a cesión do centro social Soutomaior para o seu uso como residencia universitaria pública.
O reitor, Xosé Luís Armesto, agradeceu esta mañá ao finalizar o pleno “a dispoñibilidade do Concello de Ferrol para acadar este acordo” e lembrou que “a Universidade da Coruña leva moito tempo traballando por ter residencias universitarias públicas, tanto na Coruña como en Ferrol”. Neste sentido, esta oferta que chega da cidade departamental “é importante pero é unha solución provisional e non totalmente satisfactoria”. Armesto insistiu en que a UDC seguirá a traballar por ter unha residencia universitaria en Ferrol nas instalacións do antigo cuartel Sánchez Aguilera, como estaba previsto desde hai anos. Con todo, o reitor recoñeceu que este novo espazo de usos residenciais “é necesario para atraer alumnos de fóra da cidade”.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, tamén considerou este acordo como “unha solución provisional pero importante nestes momentos en que é tan necesario poñer á disposición dos futuros estudantes todas as facilidades que lles permitan acceder á universidade”. “Dado que na UDC non estamos en condicións de facer grandes investimentos, a adecuación deste edificio é viable e permítenos ofrecer para o vindeiro curso unhas prazas residenciais a prezos públicos”, valorou.
A vicerreitora informará deste acordo no vindeiro Consello de Goberno da Universidade que terá lugar o martes, 28 de maio. A autorización do uso do inmoble á Universidade da Coruña terá que ser asinada antes de fin de mes para que entre en vigor. Unha vez asinada, a Universidade accederá ao edificio para valorar o seu estado e ver as obras de acondicionamento e o equipamento necesario para a súa apertura o vindeiro curso.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000