Un equipo de Ciencias participa nun concurso sobre enerxías renovables

A Coruña, 24 de maio de 2013.- O equipo coordinado polo profesor Óscar Cabeza Gras e formado por estudantado da Facultade de Ciencias, participa no concurso EDP University Challenge, convocado por EDP Renewables, compañía líder mundial no sector das enerxías renovables. O obxectivo é cambiar o mundo elaborando un proxecto nas áreas de enxeñaría, estratexia ou márketing relacionado coas enerxías renovables. Ten como finalidade estimular á comunidade universitaria para aplicar os seus coñecementos académicos e espertar o seu espírito de innovación e creatividade. Deste xeito, EDP Renewables colabora coa formación dos universitarios e universitarias, incentivándoos a interactuar coa realidade do mundo empresarial e da sociedade en xeral.
Os traballos serán avaliados por un xurado independente composto por docentes universitarios, persoal de EDP Renewables e de Premivalor Consulting. O primeiro premio consistirá nunha bolsa de estudos para o grupo gañador, valorada en 6.000 euros, e unha bolsa de investigación para o persoal docente que dirixe o proxecto de 3.000 euros. Haberá tamén un segundo e terceiro premios de menor cuantía.
Os membros do equipo da Universidade da Coruña son Magdalena Datas Medina; Miguel Rodríguez Area (ambos estudantes do Máster en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental) e Noemí López Acción (estudante de Doutoramento de Física Aplicada).
Máis información: http://www.edpr-universitychallenge.es/#/home
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000