A UDC terá unha residencia universitaria pública en Ferrol

A Universidade da Coruña terá o vindeiro curso unha residencia universitaria pública en Ferrol

A Coruña, 22 de maio de 2013.- A Universidade da Coruña disporá a partir do próximo curso da súa primeira residencia universitaria pública e estará habilitada no centro social Soutomaior, en Ferrol, tal e como adiantara o reitor, Xosé Luís Armesto, no pasado Claustro.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, deu a coñecer esta mañá o peche do acordo no que se vén traballando desde hai meses entre a Universidade da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol. Este acordo contempla o funcionamento como residencia universitaria do centro social Soutomaior e a reserva duns 60.000 metros cadrados de solo na parcela que ocupa o hospital Novoa Santos para a reorganización do campus universitario ferrolán. Segundo manifestou o reitor, a disposición deste espazo preto do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, CHUF, abre a posibilidade de reordenar as titulacións universitarias do campus departamental. Deste xeito, poderían concentrarse os graos da área de ciencias da saúde nese espazo e unificar no campus de Esteiro as titulacións de enxeñaría.

O acordo acadado entre o Concello de Ferrol, a Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña terá que ser ratificado no pleno extraordinario que terá lugar este mesmo venres. A Universidade da Coruña acometerá as obras de acondicionamento do centro social para convertelo en residencia universitaria en canto sexa posible para abrila aos estudantes o vindeiro curso.



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000