A Coruña, 21 de maio de 2013.- Seguindo a programación da Primavera Ambiental, a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña organiza para as vindeiras semanas dúas actividades de voluntariado ecolóxico que se desenvolverán no Campus da Zapateira en colaboración coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
A primeira delas celebrarase mañá mércores, 22 de maio, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Biodiversidade, e consistirá na construción dunha charca no monte da Fraga, o que favorece a recuperación das poboacións de diversas especies. A xornada iniciarase ás 10:30 horas coa charla titulada Charcas con vida, no salón de actos da Facultade de Ciencias, a cargo de Lucía Parente, educadora ambiental de ADEGA. Ás 11:30 horas dará comezo a xornada de traballo no monte da Fraga, que incluirá un xantar con produtos ecolóxicos e rematará ás 17:00 horas.
Con respecto á actividade do mércores 29 de maio, trátase dunha xornada de eliminación de flora exótica invasora, que comezará ás 10:30 horas cunha charla sobre especies exóticas invasoras no salón de actos da Facultade de Ciencias, a cargo de Ramses Pérez, educador ambiental de ADEGA. A xornada de eliminación comezará ás 11:30 horas e rematará ás 14:30 horas. Para participar nas xornadas é importante inscribirse no correo oma3@udc.es. Os interesados pódense anotar a unha ou ás dúas xornadas.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000