A Coruña, 21 de maio de 2013.- A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acollerá mañá mércores, 22 de maio, a partir das 10:00 horas, un seminario sobre a denominada Primavera Árabe, movemento de protestas populares iniciado en Tunisia en 2010, e recoñecido como un dos fenómenos máis interesantes da historia social e política contemporánea que se estendeu a varios países de África e de Oriente Próximo, culminando en tres deles no derrocamento dos gobernos que levaban moitos anos no poder. O obxectivo desta xornada, dirixida polo catedrático de Dereito Eclesiástico da UDC Juan Ferreiro Galguera, é tomar o pulso do momento en que se atopan estes procesos e os camiños cara a democracia. O seminario celébrase no marco do proxecto de investigación A primavera árabe: integración dos dereitos fundamentais e as relacións Igrexa-Estado nos procesos constituíntes das novas democracias, concedido este ano polo Ministerio de Economía e Competitividade, do que o profesor Juan Ferreiro é investigador principal.
Ás 10:00 horas terá lugar a presentación a cargo do director das xornadas e a continuación ofrecerá unha conferencia a profesora de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Granada Guadalupe Martínez, que falará sobre os Cambios nos Sistemas Políticos, con especial referencia a Tunisia. Ás 11:00 horas intervirá o profesor titular de Estudios Árabes da Universidade Autónoma de Madrid Walleed Saleeh, disertando sobre A primavera árabe e os cambios en Irak. Ás 11:45 horas o profesor Sayed Soheim, conselleiro cultural da Embaixada da RA de Exipto, falará sobre o fenómeno neste país e finalmente, o director do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria, Jesús Núñez Villaverde, falará sobre A primavera árabe en Libia.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000