A Embaixada Británica premia a unha empresa participada pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié e apoiará a súa expansión comercial en Reino Unido
• Torus Software Solutions, promovida e participada por membros do grupo de investigación GAC da Universidade da Coruña, pola Universidade da Coruña e pola Fundación Barrié, a través do seu Fondo de Ciencia, vén de acadar o premio da primeira edición do UKTI Spain Technology Competition.
• Torus Software Solutions é unha empresa de solucións de software no eido do denominado High Performance Computing, con aplicacións entre outros en sectores como o financieiro, o das telecomunicacións e a enerxía.
A Coruña, 16 de maio de 2013.- A empresa de base tecnolóxica da Universidade da Coruña, Torus Software Solutions, promovida e participada por membros do grupo de investigación GAC (Grupo de investigación en Arquitectura de Computadores) da Universidade da Coruña, pola propia Universidade da Coruña e pola Fundación Barrié, a través do seu Fondo de Ciencia, vén de acadar o premio da primeira edición do UKTI Spain Technology Competition, tal como anunciou a UK Trade & Investiment, organismo gobernamental británico de negocios e investimento, que convoca este galardón a través da Embaixada Británica. Esta distinción, a primeira que concede en España, permitiralles aos membros desta empresa recibir unha entrada para participar no evento máis significativo do seu sector en Reino Unido e desenvolver un programa de visitas a medida con contactos clave, o que suporá un impulso moi importante para a súa expansión comercial.
Torus Software Solutions é unha empresa de solucións de software no eido do denominado High Performance Computing, con aplicacións entre outros en sectores como o financeiro, o das telecomunicacións e a enerxía, da que o xurado do premio valorou o alto grao de innovación da súa tecnoloxía, o seu compromiso coa I+D+i e a súa clara estratexia de cara ao mercado británico e á súa internacionalización. A empresa, fundada no mes de abril deste ano, está participada pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, así como polos investigadores da Universidade coruñesa Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez e Guillermo López Taboada. É o resultado das investigacións levadas a cabo polos promotores no campo das comunicacións de altas prestacións e do financiamento recibido da Fundación Barrié a través do Fondo de Ciencia, sendo esta empresa o primeiro resultado do citado Fondo, creado no ano 2011, para axudar a valorización e comercialización de tecnoloxías xeradas nas Universidades e Centros de investigación Galego.
UK Trade & Investiment (UKTI) é o organismo dependente do Goberno británico que ten como obxectivo axudar ás empresas constituídas en Reino Unido a prosperar na economía mundial. Tamén asiste ás empresas estranxeiras para realizar investimentos de alto nivel, ofrecendo coñecementos, experiencia e contactos a través da súa extensa rede de especialistas localizados tanto en Reino Unido como nas embaixadas británicas e demais centros diplomáticos distribuídos por todo o mundo. No caso de UKTI España, con oficinas en Madrid, Barcelona e Bilbao, proporciona servizos coordinados en todos os mercados clave do país, co fin de mellorar a competitividade das empresas británicas a través do comercio exterior con España. Neste obxectivo enmárcase esta convocatoria, aberta a todas as empresas tecnolóxicas españolas, co fin de promover o seu acceso á industria tecnolóxica británica e explorar novas oportunidades de negocio, na que resultou vencedora Torus Software.
O xurado estivo formado por Inmaculada Martínez, advisor partner de Opus Corporate Finance LLP e directora de Adigital; James Blakemore, consultor do JMB Partnership e Tony Hughes, especialista do UKTI. Este equipo de expertos destacou o alto nivel de participantes desta primeira edición.
A Fundación Barrié financia cinco proxectos de investigación, con millón e medio de euros do seu Fondo de Ciencia. O Fondo creouse en 2011 co triple obxectivo de promover a investigación de excelencia, trasladar os resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación á sociedade, e abrir a ciencia e o I+D público ó investimento privado. Para elo apoia a xeración de oportunidades de investimento baseadas en desenrolos científico-tecnolóxicos. Os outro catro proxectos desenvólvense en colaboración coa Universidade da Coruña, a Fundación Ramón Domínguez, a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia-Gradiant de Vigo.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000