Economía celebra o Día das Letras coa entrega dos premios de relatos

A Coruña, 14 de maio de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, presidirá o xoves, 16 de maio, o acto de entrega dos premios do II Concurso de relatos curtos, organizado pola Facultade de Economía e Empresa, e que este ano leva como tema a lingua e a empresa. O acto terá lugar na aula 2.11 da Facultade ás 10:00 horas e contará coa asistencia do decano, Anxo Calvo.
O primeiro premio, que vén de darse a coñecer hoxe, dotado con 600 euros, recaeu no alumno Manuel Gil Castro co traballo titulado “O lombeiro amarelo”; o xurado outorgou ademais dous accésit de 300 euros cada un para Damián Alonso Pardo, co relato “Morfoloxía da empresa” e para Alén Fernández Calo, polo traballo “A soas con Lola”.
O obxectivo deste concurso é promover o uso do galego entre o alumnado desta facultade. Así, no transcurso do acto de entrega dos premios, os gañadores lerán cadanseu relato breve. A entrega dos premios enmárcase dentro das celebracións da Facultade de Economía e Empresa do Día das Letras Galegas. Deste xeito, pecharase coa intervención do profesor do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña Carlos Vizcaíno, quen fará unha semblanza de Roberto Vidal Bolaño.

Filoloxía e Ciencias da Educación
As celebracións do Día das Letras Galegas nos centros da Universidade da Coruña comezarán mañá, mércores, 15 de maio, na Facultade de Filoloxía ás 13:00 horas coa inauguración na súa Biblioteca da exposición dos fondos documentais (cartaces, folletos e prensa) do Arquivo-Teatral Francisco Pillado Maior e, a seguir, realizarase unha lectura colectiva de textos.
Na Facultade de Ciencias da Educación, as celebracións do Día das Letras Galegas serán o mércores, 22 de maio, ás 17:00 horas. Para esa hora está prevista unha mesa redonda con representantes de diversas asociacións culturais: Lucía Díaz, Zeltia Méndez, Iria López, Álvaro Pérez, María Castro e Abel Vale. A continuación, ás 18:30, haberá a actuación do grupo Ad Libidum que musicarán poemas do escritor baiés Enrique Labarta Pose.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000