AllGenetics, nova empresa asociada á Universidade da Coruña

A Coruña, 14 de maio de 2013.- A compañía de base tecnolóxica AllGenetics vén de ser recoñecida pola Vicerreitoría de Investigación e Transferencia como 'empresa asociada á Universidade da Coruña, de acordo coas bases do Regulamento de creación e recoñecemento de empresas desta institución que contempla a participación da universidade en empresas baseadas no coñecemento e a transferencia de investigación. AllGenetics é o sexto proxecto que acada esta distinción, xunto con Avansig, Galebook, Goovent Tecnologies, Teimas Desenvolvemento e Trileuco Solutions, que foron nomeadas en 2011.
A UDC concede esta distinción a empresas participadas por membros da comunidade universitaria que teñan unha vinculación coa Universidade mediante colaboracións con ela e que fomenten o emprego universitario, a investigación e a transferencia.
AllGenetics foi fundada en 2011 polos investigadores Alejandra Perina e Joaquín Vierna, formados no Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva da UDC e especialistas en xenética molecular. O labor desta compañía coruñesa céntrase na aplicación da xenética molecular en proxectos relacionados coa ecoloxía e a biodiversidade. No último ano, AllGenetics destacou pola súa internacionalización, realizando 15 proxectos de investigación para institucións e empresas de Dinamarca, Países Baixos, Alemaña, Portugal e España.
Entre os seus servizos e productos, AllGenetics aposta pola aplicación dunha serie de metodoloxías baseadas no secuenciamento e a análise bioinformática de certas rexións do xenoma, que permiten unha identificación rápida a nivel de especie de mostras biolóxicas simples ('DNA barcoding') ou complexas ('DNA metabarcoding'). Esta tecnoloxía introducirase proximamente como método de control ou de garantía de calidade en áreas como a ecotoxicoloxía, o control intelixente de pragas, o control aduaneiro de especies protexidas, ou o control da calidade dos ecosistemas, sendo esta compañía coruñesa un dos principais provedores destes servizos en Europa.
Máis información:
http://www.udc.es/otri/empresas_base_tecnoloxica/empresas_da_UDC/
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000