Obradoiro de niños para morcegos na Primavera Ambiental da UDC

A Coruña, 14 de maio de 2013.- A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade a Coruña acollerá mañá mércores, 15 de maio, unha nova actividade no marco da Primavera Ambiental da UDC. Trátase do Obradoiro de Caixas Niño para Morcegos, organizado pola Oficina de Medio Ambiente coa colaboración da asociación ecoloxista ADEGA.
A xornada comezará ás 16:30 horas cunha pequena charla informativa a cargo de Roberto Hermida, da Asociación Drosera, e a continuación terá lugar o obradoiro no Taller de Maquetas da Escola de Arquitectura. Unha vez elaboradas as caixas procederase a penduralas nas árbores do campus e realizarase un seguimento da súa evolución.
A asociación Drosera naceu co obxectivo de traballar desde unha perspectiva integradora na conservación do medio natural galego, partindo do enorme descoñecemento dos morcegos que existe aínda hoxe en Galicia, a súa importancia na dinámica dos ecosistemas e a vulnerabilidade das súas poboacións. Froito do traballo desenvolvido xurdiu o programa Morcegos de Galicia, que aglutina todas as iniciativas de investigación, conservación, divulgación e sensibilización que realiza a asociación. Ata o momento constatouse en Galicia a presenza de 23 especies diferentes de morcegos, para os que o refuxio resulta fundamental para garantir desde o coidado das crías ata a hibernación.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000