A Facultade do Deporte entrega hoxe os Premios Pazo de Prata no Paraninfo

A Coruña, 10 de maio de 2013.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, preside hoxe venres, 10 de maio, ás 18.00 horas, a cerimonia de entrega dos Premios Pazo de Prata INEF Galicia, que se celebrará no Paraninfo da Universidade. Estes premios son concedidos pola Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da UDC, co obxectivo de destacar entre o alumnado, titulados e tituladas e profesorado do centro a aqueles que acadaran importantes éxitos profesionais como deportistas de elite, adestradores e técnicos deportivos, así como a contribución ao desenvolvemento das ciencias da actividade física a través da investigación e a formación. No acto estarán presentes o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; a tenente de alcalde responsable da área de Cultura, Deportes e Educación do Concello da Coruña, Ana Fernández, así como o decano da Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física, Xurxo Dopico.
Os premiados nesta edición atópanse inscritos en catro categorías. Na primeira delas destácanse os éxitos como deportistas en Xogos Olímpicos, obtendo a Medalla de Ouro na súa especialidade, a membros da comunidade da Facultade, que estuden ou teñan estudado neste centro. Nesta categoría recibirán o seu galardón as regatistas Tamara Echegoyen e Sofía Toro, campioas olímpicas en Londres na clase Elliot; así como Fernando Echávarri e Antón Paz, medallistas en Pekín 2008 na clase tornado.
Polos éxitos profesionais de ex alumnos e titulados da Facultade do Deporte como adestradores e técnicos deportivos en Xogos Olímpicos, foron distinguidos Omar González Sampedro, adestrador de Javier Gómez Noya, medalla de prata en triatlon nos xogos de Londres; Marco Antonio Carreira, adestrador de Nicolás García Hemme, medalla de prata en Taekwondo en Londres; Javier Mon, adestrador da tiradora con arco Aída Román no Centro Nacional de Alto Rendemento Deportivo de México, que acadou a medalla de prata en Londres, e Francisco José Vizcaya, xefe do Grupo de Investigación Hockey no Instituto de Ciencias Aplicadas ao Adestramento en Leipzig, Alemaña, onde asesora cientificamente ás súas seleccións nacionais, que foron medalla de ouro en Londres e Pekín.
No que respecta aos éxitos profesionais como adestradores de profesorado do centro ou persoal colaborador, destácase a traxectoria de José Manuel Brasa, primeiro adestrador galego que obtivo unha medalla de ouro nos Xogos Olímpicos (Barcelona 1992), como seleccionador do equipo español feminino de hockey; Antonio Ripoll, adestrador de cinco medallistas olímpicos en distintas clases de regata, acadando un total de oito medallas; Jesús Tomás Morlán, o técnico galego con máis medallas olímpicas, adestrador de David Cal, e Ángel Vales, investigador de rendemento técnico-táctico en fútbol, membro do corpo técnico da Selección de Fútbol masculina de España, campioa do Mundo 2010 e campioa de Europa 2012.
Por último, pola súa grande contribución ao desenvolvemento das Ciencias da Actividade Física e o Deporte, e pola súa permanente colaboración coa Facultade na investigación e como formadores de excelencia destácase a traxectoria de Francisco Carreiro da Costa, que foi presidente do Consello Científico e decano da Facultade de Motricidade Humana da Universidade Técnica de Lisboa e ten publicado 180 artigos e dirixido 24 teses de doutoramento; Maurice Pieron, catedrático emérito da Facultade de Medicina da Universidade de Lieja (Bélxica) e doutor Honoris Causa pola Universidade Técnica de Lisboa, que publicou 25 libros e máis de 500 artigos e foi conferenciante principal en varios congresos olímpicos científicos; Ferrán A. Rodríguez Guisado, que foi o xefe de medicina deportiva na policlínica da Vila Olímpica en Barcelona 92 e actualmente coordina o Grupo de Investigación de Ciencias do Deporte da Universidade de Barcelona, e por último Francisco Seirul-lo Vargas, cun gran palmarés como adestrador e formador de formadores en posgrao en numerosas universidades do mundo, entre elas a Universidade da Coruña.
O acto finalizará coa entrega de diplomas aos alumnos que finalizan este curso os seus estudos na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física.


 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000