Comeza o Té con madalenas en Normal, unha singular proposta artística

A Coruña, 7 de maio de 2013.- O Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, Normal, inicia a programación do mes de maio cunha suxestiva proposta. Trátase da exposición titulada Té con madalenas. Nun camiño de ida e volta excepcional, esta mostra work-in-progress descobre a intimidade do artista á vez que revela as evocacións, sensacións e lembranzas propias do visitante. Begoña Ante, Paula Cabaleiro, Carolina Cruz Guimarey, Christian García Bello, Lula Goce, Jorge Perianes, Laura Piñeiro e Neves Seara son os oito artistas que protagonizan a exposición, comisariada por Clara Rodríguez Cordeiro, na que se pretende mostrar o ser e o crear das oito persoas que o conforman e que desenvolverán, ao longo de tres meses e especificamente para NORMAL, oito proxectos polifacéticos (instalacións, obradoiros, workshops, performance, proxectos de colaboración cidadá) nos que falarán, dende unha nudez biográfica sen precedentes, deles mesmos e dos tempos, espazos e memorias que os constrúen.
A esencia do que define a esta selección de artistas non se atopa en grandes óleos, nin en impoñentes medios. Para eles, o esencial agóchase invisible tras os obxectos aparentemente máis insignificantes ou intanxibles. O espectador descubrirá as súas esencias a través de moi diversos elementos do cotián: do que nos transmite unha escada de man, do que se oculta tras unha cadeira baleira, ou dunha prenda desgastada. Este proxecto work-in-progress é tamén unha invitación aberta a todos os visitantes e veciños de Normal para que participen e creen a través das moi diversas actividades gratuítas que os artistas desenvolverán nos próximos meses.

Calendario de Actividades
Os artistas desenvolverán o seu traballo ao longo de todo o período do proxecto, aínda que en datas concretas celebrarán charlas, obradoiros e performances. Os interesados en colaborar con estas actividades poden contactar co Espazo de intervención cultural da UDC a través do teléfono (981 167 000, extensión 4502) e por correo electrónico (info@istoenormal.org).

O 6 de maio comezou o seu traballo activo con voluntarios
JORGE PERIANES (Ourense, 1974)
HISTORIAS CUNHA ESCALEIRA
Reside e traballa en Vigo. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a súa obra destácase pola creación de poéticas e detalladas escenografías, nas que adoitan estar sempre presentes un certo pesimismo existencial co que se combate e o xogo de contrarios. Traballará cun medio plástico reciclado en torno aos conceptos de realidade e a súa reinterpretación, en colaboración cun grupo activo de voluntarios.

7 de maio ás 12.00 horas
BEGOÑA ANTE (Vigo, 1984)
MEMORIA
Reside e traballa en Vigo. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas pola USC, é co-fundadora da Asociación Cultural [sen marco] e especialista en educación artística, fotografía e deseño. O martes, 7 de maio ás 12.00 horas desenvolverá un obradoiro. No seu proxecto traballará coa fotografía e a palabra en torno á idea dos espazos que nos representan e que recreamos na memoria, en colaboración cos alumnos da Universidade Sénior.

15 de maio ás 18.30 horas
LAURA PIÑEIRO (Pontedeume, 1984)
ODA Á LONGÁNIME MIRADA
Reside e traballa en A Coruña. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Laura é investigadora no campo da escultura contemporánea. A súa obra artística remítenos ao cotián e íntimo mundo do fogar desde unha perspectiva sobria e feminina. No seu proxecto traballará coa costura e o patchwork en torno á idea do quefacer artístico e os procesos como medio de procura persoal, en colaboración con diversos colectivos contactados previamente.

28 de maio ás 19.00 horas
PAULA CABALEIRO (Cangas do Morrazo, 1986)
NIÑO DE ERROS
Reside e traballa entre Cangas e Santiago de Compostela. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas pola USC, está especializada en feminismo e moda. Dende o ano 2011 é tamén codirectora da galería de arte A.dFuga. Traballará coa vestimenta e a costura en torno á capacidade da indumentaria para representarnos, en colaboración cun colectivo de nais.

5 de xuño ás 20.00 horas.
CHRISTIAN GARCÍA BELLO (A Coruña, 1986)
ATALAIA (PENA BRANCA)
Reside e traballa entre A Coruña e Vigo. Licenciado en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, a súa obra artística xira ao redor da idea da paisaxe, a ruína e o sentimento de nostalxia. A súa obra parte dunha investigación documental sobre un espazo moi concreto, en colaboración con varios estudantes de Arquitectura, a cidadanía e o propio contexto social do lugar establecido. O 5 de xuño ofrecerá unha charla sobre o proceso de creación da súa obra.

12 de xuño ás 10.00 horas
LULA GOCE (Baiona, 1976)
BOSQUE, GRAMÁTICA DO EFÉMERO
Reside e traballa en Santiago de Compostela. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, completa a súa formación artística na Universidade de Barcelona, onde realiza o seu doutoramento en Belas Artes e o Máster Europeo Producións artísticas e investigación. Traballará con materiais tan cotiáns como o papel ou aparellos de pesca, en torno á idea da paisaxe mariña como representación da nosa propia simbiose entre fraxilidade e brutalidade, en colaboración con diversos colectivos contactados previamente.

27 de xuño ás 20.00 horas
CAROLINA CRUZ GUIMAREY (A Coruña, 1981)
AS QUE HABITAN A MEMORIA
Reside e traballa na Coruña. É licenciada en Publicidade e RR.PP pola Universidade de Vigo e Máster en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia, onde está tamén cursando o seu doutoramento. Traballará a partir dunha serie de antigas fotografías de ámbito privado que, transferidas a diversos materiais e convertidas en instalación, pretenden facer visible o patrimonio humano da cidade, en directa colaboración coa propia cidadanía.

12 de xullo ás 20.00 horas.
NEVES SEARA (Ourense, 1983)
AS CADEIRAS DA AVOA ESPERANZA
Reside e traballa en Santiago de Compostela. Licenciada en Belas Artes pola Universidade Europea de Madrid, é especialista en escenografía e museografía. Actualmente compaxina a súa actividade artística coa docencia en artes plásticas no seu propio centro de arte. No seu proxecto As traballará coa escritura e a performance en torno á capacidade dos obxectos para representar as nosas esencias e ausencias, en colaboración con calquera habitante ou visitante de NORMAL que desexe participar.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000