A UDC axuda con 15.000 euros aos alumnos que non poden pagar a matrícula

A Coruña, 3 de maio de 2013.- A Universidade da Coruña destinará un total de 15.000 euros en axudas para aqueles estudantes que, por causas económicas sobrevidas, non poidan facer fronte aos pagos de matrícula deste curso. Esta convocatoria de axudas, que a Universidade da Coruña ofrece por primeira vez, ten como finalidade contribuír a paliar as dificultades económicas sobrevidas que impidan ao alumnado continuar estudos conducentes á obtención dun título oficial de Graduado, Licenciado, Enxeñeiro, Arquitecto, Diplomado, Mestre, Enxeñeiro Técnico, Arquitecto Técnico ou Mestrado Universitario.
A convocatoria publícase dous días despois de que no Claustro o reitor, Xosé Luís Armesto, situase como prioridade para a Universidade da Coruña as persoas, polo que “en primeiro lugar a nosa preocupación pasa por enfrontar o impacto das medidas das Administracións públicas que lle afectan á igualdade de oportunidades para acceder aos estudos universitarios”, manifestou. No propio Claustro, o reitor anunciou que se estaba a traballar na creación dun fondo social con varias medidas para aqueles alumnos que non poidan pagar os prezos de matrícula, unha das cales é esta mesma convocatoria.
As solicitudes presentaranse na sección de Bolsas da UDC, no Pavillón de Estudantes no Campus de Elviña, ou no Rexistro Auxiliar no Campus de Ferrol antes do 16 de maio. Xunto coa solicitude achegaranse documentos ou calquera proba admisible que acredite a situación de dificultade económica sobrevida que impida seguir os estudos universitarios. A valoración das solicitudes será feita por unha comisión composta pola Vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, a Xefa de sección da Unidade de Bolsas, tres representantes do profesorado pertencentes á Comisión de selección de bolseiros MECD e dous representantes do alumnado pertencentes á Comisión de selección de bolseiros MECD.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000