Investigadores da UDC, en portada dunha prestixiosa revista de Química

A Coruña, 3 de maio de 2013.- O grupo de investigación de Síntese orgánica e química organometálica da Universidade da Coruña vén de publicar na prestixiosa revista científica European Journal of Organic Chemistry o artigo titulado “Synthesis of Axially Chiral 1,1′-Binaphthalenes by Palladium-Catalysed Cross-Coupling Reactions of Triorganoindium Reagents”, cunha mención específica na portada.
Este grupo ten como obxectivos principais de investigación o desenvolvemento de novas tecnoloxías de síntese orgánica baseadas na utilización catalítica de metais de transición e a súa aplicación á síntese de produtos naturais de interese biolóxico. Os autores son Ángeles Mosquera, Miguel A. Pena, José Pérez Sestelo e Luis A. Sarandeses, todos eles integrantes deste grupo.
A Torre de Hércules foi a imaxe elixida para ilustrar este artigo na citada revista, que pertence á editorial Union of Chemical Societies (EUChemSoc), unha organización que agrupa a 14 sociedades europeas de química pertencentes a diversos países. A creación desta publicación produciuse pola fusión de varias revistas europeas de química de países como Italia, Bélxica ou Francia.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000