Filoloxía convoca o certame de creación literaria e ensaio

A Coruña, 26 de abril de 2013.- A Facultade de Filoloxía convoca o XX Premio de Creación Literaria e Ensaio dirixido a estudantado da Universidade da Coruña. As modalidades do certame son oito: poesía, narrativa, ensaio e teatro, en lingua galega e en lingua castelá. Na modalidade de poesía premiarase un poema ou un breve grupo de poemas con unidade temática. Nas modalidades de narrativa e ensaio premiaranse traballos dun máximo de quince páxinas, mecanografadas a dobre espazo. Na modalidade de teatro premiaranse traballos dun máximo de trinta páxinas, mecanografadas a dobre espazo.
O prazo para a presentación de orixinais estará aberto ata o día 6 de maio ás 14 horas. Os textos presentaranse baixo sistema de plica, na Secretaría do Decanato da Facultade de Filoloxía, ou remitiranse por correo postal, indicando no sobre XX Premio de Creación Literaria e Ensaio, e a modalidade a que se opta. Entregarase tamén unha copia en soporte electrónico.
Os premios poderán declararse desertos. Poderá outorgarse un accésit en cada modalidade. Os premios consistirán na publicación, en libro conxunto, dos traballos gañadores e dos accésits. Os gañadores recibirán tamén un vale canxeable por libros, cortesía da Libraría Xiada. O xurado estará composto por profesorado da Facultade de Filoloxía e personalidades de recoñecido prestixio cultural.
O premio fallarase nun acto público na segunda quincena de maio de 2013. A data do acto anunciarase con antelación na sección de actualidade da páxina web da Facultade e na web institucional da UDC.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000