A Coruña, 26 de abril de 2013.- As Comisións de Normalización Lingüística (CNL) da Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica organizan, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o III Concurso de Traballos Académicos Redactados en Lingua Galega. Este certame está dirixido a todo o estudantado matriculado en calquera das titulacións oficiais que se imparten nestas dúas escolas, e para participar cómpre presentares un único traballo individual de cando menos 10 folios de extensión, redactado orixinariamente en galego e correspondente a unha materia cursada no curso 2012/2013. O prazo para a presentación das propostas remata o 20 de setembro de 2013.
O premio está dotado con 400 euros para o gañador, e inclúe dous segundos premios de 300 euros e dous terceiros premios de 200 euros. Os interesados ou interesadas poden consultar as bases nos enderezos web www.udc.es/eps, lucas.cdf.udc.es e www.udc.es/snl. O obxectivo deste certame é incentivar a realización de traballos académicos en galego por parte do alumnado dos seus respectivos centros e para contribuíren, deste xeito, a promover o uso do idioma en contextos científico-técnicos. O xurado, que estará composto por profesorado dos centros convocantes e integrantes do Servizo de Normalización Lingüística, terá en conta especialmente o interese e orixinalidade dos traballos, a calidade e rigor da metodoloxía empregada, a corrección no uso da lingua galega e calidade da redacción, a corrección no uso da terminoloxía propia da especialidade e a estruturación e presentación dos contidos.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000