UDC e Concello da Coruña organizan xornadas sobre as persoas sen teito

A Coruña, 26 de abril de 2013.- A Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais do Concello da Coruña as IV Xornadas As persoas sen teito: unha visión dende o eido da saúde mental. Este curso pretende achegar a realidade deste colectivo ao estudantado e á sociedade en xeral.
Esta xornada celebrarase o luns, 29 de abril, no salón de actos do Centro Cívico Municipal de Labañou. Á inauguración, que terá lugar ás 9:15 horas, acudirá o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo Torres, e a vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación da UDC, Natalia Álvarez Lata. O encontro pretende achegar á poboación en xeral a problemática dual das persoas sen teito. A primeira conferencia correrá a cargo de Isabel Vázquez Souzas, psiquiatra do programa de atención a enfermos mentais sen fogar do Servizo Madrileño de Saúde. A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre a abordaxe institucional da persoa sen fogar con trastorno mental e as posibles solucións para mellorar a intervención, na que participarán o psiquiatra do Hospital Clínico de Oza, doutor Díaz del Valle; a psicóloga clínica e directora de APEM, Esther Monterroso, e a médica forense do IMELGA, doutora Rodríguez Martínez. Incluirase tamén unha videoconferencia a cargo de Miquel Juliá, o coordinador do programa de rúa da Fundación Arrels, sobre os límites éticos da abordaxe dunha situación de rúa, e con dous obradoiros de traballo que se desenvolverán na xornada de tarde.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000