Socioloxía acolle un debate sobre a muller na educación superior

A Coruña, 24 de abril de 2013.- O Salón de Actos da Facultade de Socioloxía acollerá os días 25 e 26 de abril as Xornadas da Muller no Ámbito da Educación Superior, organizadas polo grupo de Arquitectura e Urbanismo Sustentable-Mulleres Arquitectas de Galicia (GAUS-MAGA) e a Facultade de Socioloxía. Este encontro centrarase nunha análise comparativa entre arquitectas e outras profesionais e comezará o xoves 25 ás 10:00 horas coa presentación das xornadas a cargo das organizadoras, Laura Oso, María Carreiro e María Amparo Almarcha.
A primeira conferencia que comezará ás 10:15 horas correrá a cargo da catedrática de Socioloxía da Universidade da Coruña María Amparo Almarcha sobre o oficio profesional da socioloxía. Ás 12:00 horas intervirá a catedrática da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade Politécnica de Madrid Mercedes del Río Merino sobre a muller no ámbito da educación superior, á que seguirá un debate entre os asistentes. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, celebrarase unha mesa redonda sobre experiencias de traballo desde distintas responsabilidades e profesións, na que participarán as arquitectas Cruz López Viso, Ángeles Novás e Teresa Táboas xunto coa doutora en Historia da Arte Ana Goy, a licenciada en Filosofía e enfermeira do Instituto de Saúde Carlos III María del Carmen Hernández, a doutora titular do CAPD da Coruña Concepción Abuín e a enfermeira supervisora da Unidade de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña María José Puga.
Na xornada do venres 26 intervirán a partir das 10:15h a avogada Úrsula Leobalde, que falará sobre a experiencia e vida dunha profesional do Dereito, e a catedrática e directora da Escola de Arquitectura da Universidade de Alcalá de Henares Pilar Chías, cun relatorio sobre a igualdade nos estudos de arquitectura. As xornadas rematarán cunha sesión ás 17:00 horas na que se desenvolverá o Seminario mixto de discusión do mundo da Universidade á realidade do traballo, no que intervirán representantes do Grupo MAGA e outras invitadas pertencentes a distintas profesións.

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000