A UDC pon en marcha o programa de préstamo de 110 bicis

 A Coruña, 20 de setembro de 2012.- A Universidade da Coruña abriu hoxe o prazo para a presentación de solicitudes do programa de préstamo de bicicletas para o curso 2012-2013, que permanecerá activo ata o día 27 de setembro ás 14:00 horas. Os interesados, estudantes, profesores ou membros do persoal de administración e servizos, deberán cursar a súa petición a través dunha aplicación dispoñible na páxina web da Universidade: http://www.udc.es/sociedade/medio_ambiente/bicis/.
A convocatoria está aberta a toda a comunidade universitaria, sexa dos campus da Coruña ou de Ferrol. Terán prioridade as persoas solicitantes que non accederan ao préstamo nas dúas convocatorias anteriores (cursos 2010-2011 e 2011-2012). A adxudicación das bicicletas farase en función da orde de inscrición, ata esgotar o número máximo de bicicletas dispoñíbeis en cada un dos tamaños. A oferta atinxe nesta convocatoria a unhas 110 unidades, a metade aproximadamente de tamaño grande (28”) e outra metade de tamaño medio (26”).
A Universidade da Coruña pretende con esta iniciativa, que acadou un gran éxito nas convocatorias anteriores, fomentar o sentido da responsabilidade pola conservación e mellora do medio ambiente.
A Oficina de Medio Ambiente da UDC redactou unha serie de documentos nos que pode atoparse información sobre a circulación pola cidade da Coruña e o acceso aos campus de forma segura para os membros da comunidade universitaria que desexen usar a bicicleta para os seus desprazamentos. O deseño dos itinerarios para o acceso en bicicleta a UDC foi realizado polo membros da asociación Mobi-Liza (Asociación por unha Mobilidade Responsable). Estes documentos están dispoñibles na seguinte dirección web: http://www.udc.es/sociedade/medio_ambiente/bicis/index.html. Neles ofrécese información detallada sobre rutas de acceso ao campus en bicicleta, así como acceso á UDC desde fóra da Coruña (Ponte Pasaxe e O Burgo), así como a ruta do Campus de Elviña á Palloza.


 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000