A Ocean University of China abre vías de colaboración coa Universidade da Coruña
A Coruña, 6 de setembro de 2012.- Unha delegación da Ocean University of China, encabezada polo seu Vicepresidente (equivalente a Vicerreitor) de Relacións Internacionais, manifestou onte o seu interese por establecer convenios de colaboración coa Universidade da Coruña logo de visitar diversas instalacións do campus da Coruña e de Ferrol. A proposta de acordo incluiría desde intercambio de estudantes e profesores ata o establecemento de programas de investigación conxuntos e a colaboración en transferencia de tecnoloxía. “A Universidade da Coruña e a Ocean University of China temos moitas cousas en común, o que posibilitará chegar a acordos e colaboracións conxuntas de gran interese”, manifestou o representante da OUC quen se mostrou interesado tamén polas posibilidades de aprendizaxe da cultura e do idioma que ofrece a Facultade de Filoloxía coruñesa.
O vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, recibiu aos visitantes e acompañounos na visita primeiro ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, CITEEC, no Campus de Elviña e, a continuación, ao Campus de Ferrol.
No CITEEC coñeceron as instalacións dos laboratorios de Portos e Costas e o de Hidráulica, ambos os dous de gran interese para a delegación chinesa posto que a súa universidade imparte titulacións relacionadas coa oceanografía e as pesquerías.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, deulles a benvida ao campus departamental nunha reunión en que o director da Escola Politécnica Superior lles explicou a organización do Grao en Arquitectura Naval e do Grao en Enxeñaría de Propulsión e Servizos do Buque, titulacións únicas en Galicia que se imparten nesta escola con moito éxito para os titulados que practicamente non teñen paro, segundo se comentou na reunión.
Os profesores chineses estiveron moi atentos ás explicacións dos diversos investigadores do Centro de Investigacións Tecnolóxicas sobre as investigacións que se levan a cabo nos seus laboratorios, ademais de seguir con grande interese o traballo do Grupo Integrado de Enxeñaría. Nunha reunión que se prolongou máis do previsto, a delegación chinesa fixo moitas preguntas sobre o sistema universitario español, sobre o modelo de ensino da Escola Politécnica Superior e acerca da investigación e a súa transferencia de resultados ás empresas.
Nesta primeira visita da Ocean University of China a España os académicos chineses destacaron que se atoparon en Galicia “unha paisaxe preciosa, con mar e montaña e xente moi amable”. Tanto A Coruña como Ferrol son cidades moi “vivibles”, alabou o vicepresidente de Relacións Internacionais.
“A Universidade da Coruña e a Ocean University of China están moi volcadas co mar e temos a responsabilidade de coidar o océano e facelo un medio sustentable porque é importante para o futuro do ser humano”, desexou finalmente o representante da OUC.
A Ocean University of China é a universidade máis importante de China en titulacións relacionadas coa oceanografía e pesquerías. Ten preto de 40.000 alumnos, dos que 15.600 son estudantes de Grao, 8.000 de mestrados e 12.000 son estudantes en formación continua de grao e mestrados. Conta ademais con 1.200 estudantes procedentes doutros países; 1.700 profesores e investigadores e 1.000 efectivos de persoal de administración e servizos.
A visita da OUC enmárcase dentro dunha xira que están efectuando polas universidades galegas e do norte de Portugal implicadas no Campus do Mar, o Campus de Excelencia Internacional que lidera a Universidade de Vigo, no que está a Universidade da Coruña, e que dirixe o profesor Emilio Fernández.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000