A UDC doa equipamento docente a un instituto de Nicaragua

A Universidade da Coruña doa equipamento docente a un Instituto de Liderazgo en Nicaragua


A Coruña, 7 de agosto de 2012.-. A Universidade da Coruña en colaboración coa ONG Solidariedade Galega e as empresas Pescanova, Talleres reunidos Beges e Transportes Benito Vega Martínez fixo unha doazón de 24 mesas de estudo con 48 cadeiras e 232 cadeiras de pala para aulas e salón de actos ao Instituto de Liderazgo de Las Segovias en Nicaragua, ILLS.
A vinculación da Universidade da Coruña con este proxecto vén a través de dúas vías. Por un lado, da colaboración directa da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC con este Instituto desde o ano 2010, co envío dun alumno coa bolsa “Proxecto de Coñecemento da Realidade”, PCR. Logo desta primeira experiencia, que foi moi positiva tanto para o alumno como para as dúas organizacións, enviouse outro PCR en 2011 e neste 2012 irán tres alumnas e un alumno.
Desde este ano tamén se iniciou a colaboración no proxecto que o Instituto de Liderazgo de Las Segovias ten para crear unha Universidade Pública nesta zona. A colaboración consistirá en establecer contactos e facer de intermediarios para que o profesorado e o persoal de administración e servizos da UDC participe na creación dos contidos e das titulacións que se impartirán nesta universidade. Con este cometido, irán ao ILLS dúas persoas de administración e servizos e un profesor para impartir cursos de formación ao persoal da futura universidade con cargo ás bolsas da Oficina de Cooperación e Voluntariado.
Por outro lado, a Universidade da Coruña participa neste proxecto a través da ONG Solidariedade Galega, SG, coa que ten asinado un acordo de colaboración. SG vén realizando campañas de asistencia sanitaria especializada (oftalmoloxía, odontoloxía, xinecoloxía, traumatoloxía, etc.) nesa zona de Nicaragua desde o ano 2003. Desde 2009 colabora na construcción do Instituto de Liderazgo de Las Segovias, construído coa axuda da Deputación da Coruña, do que se leva edificado o salón de actos, as oficinas administrativas e aulas didácticas e enfermaría. Nunha nova fase faranse novas aulas e unha batería de servizos sanitarios.
En 2011, coincidindo coa visita da directora do ILLS á Coruña solicitouse da Universidade da Coruña a doazón de equipamento docente xa en desuso para este proxecto. Esta foi a primeira dunha serie de doazóns que a Universidade da Coruña fará ao ILLS para intentar dotalo do material docente preciso para desenvolver o seu labor académico.
O ILLS é unha organización da sociedade civil nicaragüense comprometida coas persoas excluídas, que dirixe os seus esforzos a promover o desenvolvemento e transformación da sociedade.

www.solidariedadegalega.org

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000