O reitor reuniuse co decano da Facultade de Humanidades e Documentación

A Coruña, 15 de xuño de 2012.- O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, aproveito o pasado acto de graduación dos titulados da Facultade de Humanidades e Documentación para reunirse previamente co seu decano, Manuel Recuero, e con todo o seu equipo. A reunión serviu para compartir opinións sobre o estado actual das universidades públicas ao respecto das taxas de matrícula e doutras novidades derivadas do Real Decreto publicado polo Ministerio de Educación en pasadas datas e en cómo afectarán á facultade do Campus de Ferrol.
O decano explicoulle ao reitor os cambios realizados nos planos de estudo das dúas titulacións que se imparten neste centro: Grao en Humanidades e Grao en Información e Documentación, para adaptalas ao Espazo Europeo de Educación Superior. Neste sentido, Recuero asegurou que a titulación de Humanidades estaba funcionando bastante ben, cun bo grao de satisfacción dos alumnos. Do Grao en Información e Documentación salientáronse as boas saídas laborais que presenta ao ter un abano de posibilidade amplo debido á formación que reciben os alumnos desta titulación única no Sistema Universitario Galego.
Tanto o equipo decanal como o reitor amosaron o seu compromiso de seguir traballando na mellora de ámbalas dúas titulacións coa fin de facelas máis atractivas para os estudantes.
 

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000