A Coruña, 11 de xuño de 2012.- A Fundación Pedro Barrié de la Maza acollerá entre hoxe e o día 13 de xuño o Taller Internacional sobre Áreas Mariñas Protexidas no Arco Atlántico, organizado no marco do Proxecto Europeo Maia, no que participan como socios españois a Xunta de Galicia. A este encontro asistirán personalidades moi relevantes no ámbito da protección do medio mariño.
O Proxecto Maia é un proxecto de cooperación europea que ten como obxectivo a creación dunha rede de xestores e actores das áreas mariñas protexidas. Este grupo técnico, que pretende dar a coñecer as súas propostas a nivel internacional en materia de designación de áreas protexidas, gobernanza e xestión, traballa no despregue dunha rede de áreas mariñas protexidas representativa, coherente, eficaz e aceptada no arco atlántico. Un dos socios españois deste proxecto é o grupo de investigación Recursos Mariños e Pesquerías da Universidade da Coruña, que ten como liñas de traballo o estudo de estratexias vitais e dinámica poboacional de organismos mariños, avaliación de stocks e sistemas de xestión de pesquerías, xestión integrada e análise espacial de ecosistemas costeiros.
Con respecto ao congreso, o obxectivo e intercambiar métodos de traballo e experiencias no deseño de plans de protección do medio mariño. Máis información: http://www.udc.es/_galeria_down/actualidade/eventos/2012/05/MAIA.pdf
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000