Un profesor da Universidade da Coruña defende o luns a súa terceira tese de doutoramento
A Coruña, 8 de xuño de 2012.- O profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña Xulio Pardo de Neyra Fernández Couso lerá o luns, 11 de xuño, ás 11.30 horas, a que constitúe a súa terceira tese de doutoramento. Neste caso, defenderá na Facultade de Maxisterio da Universitat de Valencia a tese titulada “De Melusinas, Ondinas e Marinhas”, centrada na imaxe da muller acuática nas literaturas europeas e novos enfoques da educación literaria a través da metodoloxía da literatura comparada. Deste xeito obterá o mestrado e doutoramento en Didácticas Específicas polo departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura. Neste traballo, dirixido por Josep Ballester i Roca, preténdese estabelecer a importancia da focaxe comparatista en literatura para o ensino literario, recuperando a validez e a enteireza do mito da muller acuática, algo que se aproveitará para avaliar a loita e a confrontación de sexos que rexe en sociedades como a occidental.
Xulio Pardo de Neyra é profesor titular do departamento de Didácticas Específicas e pertence á área de Didáctica da Lingua e a Literatura da Universidade da Coruña. Tamén conseguiu habilitarse, en 2007, como profesor titular na Área de Filoloxías Galega e Portuguesa.
Despois da súa licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela, Pardo de Neyra defendeu en 2002 a súa primeira tese de doutoramento en Filoloxía Galega, titulada “Evaristo Correa Calderón na literatura galega contemporánea. Vangardismo e galeguismo”, coa que acadou a máxima cualificación, sobresaínte cum laude por unanimidade. Naquel caso, o presidente do tribunal foi o falecido Francisco Fernández del Riego, daquela presidente da Real Academia Galega. Ao ano seguinte defendeu a segunda tese de doutoramento, titulada “Historia contemporánea, tradición e actualidade do heroe cabaleiresco masculino nas lendas familiares galegas. Mito e realidade histórica á vista dos documentos da literatura galega contemporánea”, dirixida por Ramón Villares Paz, actual presidente do Consello da Cultura Galega, e que así mesmo obtivo a máxima cualificación. O presidente deste tribunal, curiosamente, foi Xosé Ramón Barreiro Fernández, nese momento tamén presidente da RAG.
Despois de facer un terceiro bienio de estudos de doutoramento, esta vez na Universidade da Estremadura, centrado en Filoloxía Española, Pardo de Neyra matriculouse no Mestrado e Doutoramento en Didácticas Específicas na Universitat de València, onde está a piques de defender a súa terceira tese.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000