A UDC regula a matrícula a tempo parcial

A Universidade da Coruña regula a matrícula de estudantes a tempo parcial nun total de trece supostos


A Coruña, 29 de maio de 2012.- A Universidade da Coruña facilitará o estudo a tempo parcial para estudantes que concorran nalgún dos trece casos especiais regulados na norma que esta mañá aprobou o Consello de Goberno. Deste xeito, os estudantes que se atopen nalgún destes supostos poderán matricularse nun número de créditos entre 24 e 48:
- Estar traballando durante o curso un mínimo de 90 días.
- Estar afectado por unha discapacidade física, psíquica ou sensorial nun grao igual ou superior ao 33%.
- Ser o coidador principal de persoas dependentes.
- Desempeñar labores de representación estudantil ou de cooperación e voluntariado.
- Ter fillo/s ou filla/as menor/es de tres anos ao seu cargo.
- Ter a consideración de vítima de actos de terrorismo.
- Ter a consideración de vítima de violencia de xénero.
- Ter a consideración de deportista de alto nivel e alto rendemento.
- Ser maior de 45 anos.
- Estar incluído nun convenio subscrito con outras universidades que contemplen esta situación, para garantir a mobilidade dos estudantes.
- Ter dificultades económicas para continuar os seus estudos, por causas sobrevidas ou imprevistas.
- Estar matriculado a tempo completo e de xeito simultáneo en outros estudos universitarios ou superiores (conservatorios superiores, etc.) externos á Universidade da Coruña.
- Ser membro electo e representante dos cidadáns nalgunha administración pública.
Ademais, os estudantes a tempo parcial terán dereito preferente a elixir quenda cando haxa dous ou máis grupos con horarios diferentes dunha determinada materia. Como se sabe, coa aplicación das novas directrices do Espazo Europeo de Educación Superior valórase a asistencia a clase, pero estes alumnos a tempo parcial terán o dereito a gozar dun réxime de asistencia a clase de carácter flexible. Os estudantes de primeiro e primeira vez que soliciten a opción de réxime a tempo parcial terán que matricularse de todo o curso completo (60 créditos) e, unha vez admitida a súa solicitude modificarán a matrícula e pagarán só polos créditos matriculados, entre 24 e 48.
Así mesmo, a norma aprobada na sesión de Consello de Goberno de hoxe contempla unha disposición para as estudantes que se atopen de baixa por maternidade ou aqueloutros que gocen de licenza por maternidade ou paternidade. Estes alumnos e alumnas terán dereito a unha dispensa académica especial coa finalidade de que non resulten prexudicados na súa avaliación.
Esta norma aplicarase a partir do vindeiro curso.
O Consello de Goberno aprobou outros puntos da orde do día como a distribución das axudas para os programas de actividades estudantís cun total de 28.300,75€ que se distribuirán entre 22 asociacións de estudantes. Tamén se ratificou a distribución das axudas para ciclos de conferencias por un importe total de 33.248,16€.
Finalmente, a Universidade da Coruña ofrecerá, logo do visto bo do Consello de Goberno, un total de 14 cursos de verán, subvencionados con 28.766,84€ en total:
1. 1º Seminario de coaching “Desafíate!! O novo lema do líder
2. II Curso de verán: A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión
3. Da fotografía ao cinema: pegadas do real
4. Estratexias urbanas para tempos de crise
5. Obradoiro de teatro do oprimido para a transformación social e educativa
6. VI Curso temático sobre educación infantil da Mariña: literatura infantil: moito máis que conto
7. Unha visión multidisciplinar da innovación na industria galega
8. Emprender: unha perspectiva de xénero
9. A educación no sector turismo: o novo contexto económico-social
10. Deseño mecánico 3D con Solid Edge ST4 (nivel básico e avanzado)
11. III Curso de verán sobre economía do deporte
12. VIII Curso de verán sobre dinamización lingüística, traballando en lingua,. Dinamización lingüística e xustiza social
13. Ciencias sociais, educación e sociedade: realidade, presente e futuro
14. The future of the European Union II: demographics, education and sustainability (O futuro da Unión Europea II: demografía, educación e sustentabilidade)
 

 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000