Xornadas sobre voluntariado sénior

O vicerreitor de Títulos inaugura as xornadas de cidadanía activa organizadas pola Universidade Sénior da UDC


A Coruña, 24 de maio de 2012.- O Salón de Actos do Centro Universitario Riazor acollerá mañá, venres, 25 de maio, a partir das 10:00 horas, a xornada titulada “Por unha cidadanía activa: o voluntariado sénior”, organizada pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña.
A xornada será inaugurada polo vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, e pola directora da Universidade Sénior da UDC, Pilar García de la Torre. A continuación intervirá Lorena Rilo, técnica da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, para expoñer o Programa de Coñecemento da Realidade (PCR) da Universidade da Coruña, acompañada de María Calleja Grande, alumna PCR, que relatará a súa experiencia.
A seguinte intervención estará adicada ao Programa de Voluntariado Dixital que impulsa a Xunta de Galicia, no que a Universidade Sénior da Coruña participa como entidade colaboradora. Felicitas Rodríguez González, coordinadora do Programa Voluntariado Dixital e xefa de departamento da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia AMTEGA, explicará este programa que ten como obxectivo prioritario achegar apoios dixitais voluntarios ás persoas maiores.
Por último, ás 11:30 horas, terá lugar unha mesa redonda que contará coa participación de cinco alumnos e alumnas da Universidade Sénior da Coruña que están a participar en actividades de voluntariado. Estes voluntarios e voluntarias sénior achegarán aos asistentes as súas experiencias de voluntariado en diferentes eidos: alfabetización de inmigrantes, atención a persoas en risco de exclusión social ou ocio e tempo libre con persoas con discapacidade psíquica.

Esta xornada enmárcase nos actos que está a desenvolver a Universidade Sénior da Universidade da Coruña co gallo do Ano Europeo 2012 do Envellecemento Activo e a Solidariedade entre Xeracións, do cal é entidade asociada. Trátase de dar a coñecer o activo papel social que están a desenvolver xa moitos dos alumnos e alumnas da Universidade Sénior, rachando coas vellas e inxustas imaxes estereotipadas sobre o envellecemento. Con esta Xornada remata tamén a estancia da Exposición Fotográfica “Achégate ao Sur” nas instalacións da Universidade Sénior, na última etapa no seu percorrido polos diferentes centros da UDC.


 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000