O reitor entrevistouse co decano da Facultade de Economía e Empresa
A Coruña, 11 de maio de 2012.- O reitor, Xosé Luís Armesto, e o vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente, Gustavo Rego, achegáronse esta mañá á Facultade de Economía e Empresa en que mantivo unha reunión de traballo co decano, Anxo Calvo, e parte do seu equipo. O obxectivo do encontro era coñecer a problemática deste centro que aglutina a un elevado número de alumnos.
O decano trasladoulle ao reitor a preocupación existente na facultade ante a publicación do Real Decreto de 20 de abril que afecta á modificación das cargas docentes e á investigación realizada nas universidades. Anxo Calvo comentou, ademais, o esforzo que se está a facer por parte do profesorado con respecto aos proxectos de fin de grao derivados da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. O decano valorou moi positivamente os cambios habidos na universidade española nos últimos vinte anos e a súa constante adaptación á realidade do contorno e que, asegurou, melloraron considerablemente a formación dos estudantes ata facela moito máis práctica e dinámica. Precisamente, as prácticas en empresas do alumnado foi outro dos temas que se trataron na reunión desta mañá.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000