O 23 de marzo concederase o Honoris Causa a Manuel Rivas e J Rutherford

O 23 de marzo concederase o grao de Doutor Honoris Causa a Manuel Rivas e John Rutherford e a Medalla de Ouro da UDC a José María Barja

A Coruña, 29 de febreiro de 2012.- A Universidade da Coruña celebrará o próximo 23 de marzo o acto conxunto de concesión do grao de Doutor Honoris Causa ao escritor Manuel Rivas e ao hispanista John Rutherford. Ademais, neste mesmo acto, entregarase a Medalla de Ouro da Universidade da Coruña ao catedrático José María Barja, reitor da UDC entre os anos 2004 e 2011.
A UDC considerou que Manuel Rivas é o máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega como pon de relevo a súa extensa traxectoria como xornalista, narrador e poeta. A proposta para o seu nomeamento partiu do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística que, designou como padriño do novo doutor ao profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro. Con respecto a John Rutherford, a UDC estimou que é un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega. A figura do padriño do novo Honoris Causa recaeu no profesor Antonio R. de Toro Santos.
Dende moi novo, con quince anos, Manuel Rivas comezou a traballar na prensa como meritorio en El Ideal Gallego. É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Parte da súa obra xornalística está recollida en libros como Galicia, bonsai atlántico; Toxos e Flores; El periodismo es un cuento; Muller no baño; Galicia, Galicia; Unha espía no reino de Galicia; Os Grouchos; A corpo aberto (Unha ollada ‘indie’ dende o local universal) e máis Episodios Galegos. Como narrador, entre outras obras, publicou os libros de relatos Un millón de vacas (Premio da Crítica española), Que me queres, amor? (Premio Nacional de Narrativa 1996). Entre as súas novelas, En salvaxe compaña (Premio da Crítica galega), O lapis do carpinteiro (Premio da Crítica española), e Os libros arden mal (premio da Crítica galega e española, premio dos editores Ánxel Casal, premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e Libro do Ano 2006 da Feira do Libro de Madrid). A súa última novela publicada leva por título Todo é silencio (en 2010, premio da Asociación de Escritores e finalista premio Hammett de novela negra). Unha mostra da súa poesía son as antoloxías O pobo da noite (1997) e Do descoñecido ao descoñecido (2003). O seu último libro de poemas é A desaparición da neve (2009), publicado en edición plurilingüe (galego, castelán, éuscaro e catalán). No eido da creación dramática publicou o texto teatral O heroe (2005), levado á escena pola compañía Sarabela. En 2001 foi premio de narrativa Arcebispo Xoán de San Clemente. Ese mesmo ano foi premio 50 Aniversario da Sección Belga de Amnistía Internacional. En 2007 foi premio Lousada Diéguez á Creación literaria. En 2009 foi elixido membro da Real Academia Galega. Ese mesmo ano leu o seu discurso de ingreso co título A boca da literatura (Memoria, ecoloxía, lingua). Polo seu labor xornalístico, recibiu os premios Fernández Latorre (concedido por La Voz de Galicia), Puro de Cora (de El Progreso) e o premio Fernández del Riego. En 2011 foi premio da fundación Luís Tilve, polo seu labor a prol de causas de interese social.
John Rutherford (Saint Alban, Reino Unido) formouse academicamente na Universidade de Oxford, na que se doutorou en 1969 coa súa tese sobre “Literature and society: the novels of the Mexican Revolution, 1910-1917”. Tradutor ao inglés do Quijote e La Regenta, o seu enfoque hispanista foi inclinándose paulatinamente cara a Galiza, desde que chega a Ribadeo por vez primeira en 1958. Tradutor ao inglés de Castelao e Méndez Ferrín, vén desenvolvendo un destacado labor de difusión internacional da nosa cultura. Impulsor e director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford desde 1991, foi tamén vicepresidente e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos desde 1991 a 1997. Da súa man xurdiu toda unha promoción de novos investigadores británicos relacionados coa literatura galega (Derek Flitter, David Mackenzie, Kristy Hooper, Craig Patterson...). En 2008 foi nomeado académico honorario da Real Academia Galega, tendo tamén recibido outras importantes distincións: Medalla de Ouro ao Mérito nas Bellas Artes (Madrid, 1984), Medalla Castelao en 1998 e Premio Trasalba en 2007.
O profesor José María Barja Pérez recibirá a Medalla de Ouro da Universidade da Coruña “como recoñecemento da comunidade universitaria polos servizos prestados á UDC como reitor durante oito anos (2004-2011)”, segundo defendeu o reitor, Xosé Luís Armesto, no Consello de Goberno de febreiro, data en que se aprobou a proposta.
A Medalla de Ouro resérvase para homenaxear as persoas físicas ou xurídicas que, ben polos seus relevantes servizos á UDC, ben pola súa actividade docente, científica, social ou cultural, sexan especialmente merecedoras desta distinción. Na defensa da proposta do reitor, Armesto destacou ademais de outros logros de Barja como a súa xestión “exemplar desde o punto de vista económico”, que “enfrontou con éxito o complexo proceso de adaptación da oferta educativa dos nosos centros ao Espazo Europeo de Educación Superior e impulsou a creación do Parque Tecnolóxico da UDC”. Aínda que con estes fitos do seu mandato, proseguiu o reitor, “especialmente salientables na configuración da oferta docente e científica da Universidade da Coruña abondarían para facelo merecente da Medalla de Ouro, coido particularmente relevante a pegada de transparencia, estabilidade e capacidade de integración coa que desenvolveu a súa xestión, movido sempre por unha clara vocación de servizo público, pola defensa da universidade pública e polo artellamento dun sistema universitario galego cohesionado, imprescindible para o desenvolvemento de Galicia”.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000