Medios dixitais lamentan o pasamento do profesor Víctor Gulías

Numerosos medios dixitais fanse eco do pasamento do profesor de Informática e coordinador do CITIC, Víctor Gulías Fernández

A Coruña, 2 de febreiro.- O repentino pasamento do profesor de Informática e coordinador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, CITIC, Víctor Manuel Gulías Fernández, o pasado día 27 de xaneiro, está a ter un gran eco no mundo dixital, tanto en páxinas colectivas como a nivel persoal, como demostran as numerosas referencias que lle están a chegar á Facultade de Informática en que exercía a docencia.
Gulías Fernández tiña un elevado grao de compromiso coa facultade e os seus alumnos e, a pesar da súa xuventude, unha brillante traxectoria investigadora e empresarial. Formou parte da comisión redactora do plano de estudos de Graduado en Enxeñaría Informática. Dirixía o grupo de investigación MADS (Models and Applications of Distributed Systems) no departamento de Computación. En colaboración cun grupo de enxeñeiros da Universidade da Coruña creou a empresa de proxección internacional Lambdastream e, recentemente, Syntheractive.
A pasada fin de semana, a Universidade da Coruña perdeu tamén a outro dos seus docentes, Bernardo José Gómez Durán, profesor Titular da Facultade de Ciencias da Educación.
A comunidade universitaria lamenta tan profundas perdas.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000