Manuel Rivas e John Rutherford, novos Honoris Causa pola UDC

A Mesa do Claustro decidiu esta mañá por unanimidade conceder o grao de Doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña ao escritor Manuel Rivas e ao hispanista John Rutherford, dando así o visto bo ás propostas aprobadas previamente na Facultade de Filoloxía.
A Universidade considerou que Manuel Rivas é o máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega como pon de relevo a súa extensa traxectoria como xornalista, narrador e poeta.
Dende moi novo, con quince anos, comezou a traballar na prensa como meritorio en El Ideal Gallego. É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Parte da súa obra xornalística está recollida en libros como Galicia, bonsai atlántico, Toxos e Flores, El periodismo es un cuento, Muller no baño, Galicia, Galicia, Unha espía no reino de Galicia, Os Grouchos, A corpo aberto (Unha ollada ‘indie’ dende o local universal) e mais Episodios Galegos.
Como narrador, entre outras obras, publicou os libros de relatos Un millón de vacas (Premio da Crítica española), Que me queres, amor? (Premio Nacional de Narrativa 1996). Entre as súas novelas, En salvaxe compaña (Premio da Crítica galega), O lapis do carpinteiro (Premio da Crítica española), e Os libros arden mal (premio da Crítica galega e española, premio dos editores Ánxel Casal, premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e Libro do Ano 2006 da Feira do Libro de Madrid). A súa última novela publicada leva por título Todo é silencio (en 2010, premio da Asociación de Escritores e finalista premio Hammett de novela negra).
Unha mostra da súa poesía son as antoloxías O pobo da noite (1997) e Do descoñecido ao descoñecido (2003). O seu último libro de poemas é A desaparición da neve (2009), publicado en edición plurilingüe (galego, castelán, éuscaro e catalán).
No eido da creación dramática publicou o texto teatral O heroe (2005), levado á escena pola compañía Sarabela.
En 2001 foi premio de narrativa Arcebispo Xoán de San Clemente. Ese mesmo ano foi premio 50 Aniversario da Sección Belga de Amnistía Internacional. En 2007 foi premio Lousada Diéguez á Creación literaria. En 2009 foi elixido membro da Real Academia Galega. Ese mesmo ano leu o seu discurso de ingreso co título A boca da literatura (Memoria, ecoloxía, lingua). Polo seu labor xornalístico, recibiu os premios Fernández Latorre (concedido por La Voz de Galicia), Puro de Cora (de El Progreso) e o premio Fernández del Riego. En 2011 foi premio da fundación Luís Tilve, polo seu labor a prol de causas de interese social.
A proposta de nomeamento partiu do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística que, ademais, nomeou como padriño do novo doutor ao profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro.
Así mesmo, a Universidade da Coruña estimou que John Rutherford (Saint Alban, Reino Unido) é un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega. Rutherford formouse academicamente na Universidade de Oxford, na que se doutorou en 1969 coa súa tese sobre “Literature and society: the novels of the Mexican Revolution, 1910-1917”.
Tradutor ao inglés do Quijote e La Regenta, o seu enfoque hispanista foi inclinándose paulatinamente cara a Galiza, desde que chega a Ribadeo por vez primeira en 1958. Tradutor ao inglés de Castelao e Méndez Ferrín, vén desenvolvendo un destacado labor de difusión internacional da nosa cultura. Impulsor e director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford desde 1991, foi tamén vicepresidente e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos desde 1991 a 1997. Da súa man xurdiu toda unha promoción de novos investigadores británicos relacionados coa literatura galega (Derek Flitter, David Mackenzie, Kristy Hooper, Craig Patterson...).
En 2008 foi nomeado académico honorario da Real Academia Galega, tendo tamén recibido outras importantes distincións: Medalla de Ouro ao Mérito nas Bellas Artes (Madrid, 1984), Medalla Castelao en 1998 e Premio Trasalba en 2007.
A figura do padriño do novo Honoris Causa será o profesor Antonio R. De Toro Santos.
A mesa do Claustro, presidida polo reitor, está formada por seis representantes de profesores doutores con vinculación permanente, dous das restantes categorías de profesorado, tres estudantes e un representante do persoal de administración e servizos. Segundo se falou esta mañá na reunión, prevese que o nomeamento dos dous novos Doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña se faga nun acto conxunto nunha data aínda por determinar.
 



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000