Declaración conxunta da Universidade da Coruña e a Federación do Ensino de CC.OO. de Galicia

O día 15 de xullo de 2005 o reitor da Universidade da Coruña, D. José Mª Barja, recibiu unha delegación da Federación de Ensino de CC.OO. de Galicia, encabezada pola súa secretaria xeral, Da. Rosario Alonso. Como resultado do encontro, ambas as partes acordan facer a seguinte declaración:

A Universidade da Coruña e a Federación de Ensino de Comisións Obreiras de Galicia manteñen desde tempo atrás un convenio de colaboración que vén dando resultados satisfactorios. Esta vontade de colaboración debe ser coidada e continuada no futuro, dentro do respecto á autonomía de cada unha das partes.

Ambas as partes lamentan os desencontros producidos no último mes a respecto dun traballador do INEF-G e apostan polo camiño do diálogo e da colaboración como modo máis eficaz para resolver as discrepancias.

As CC.OO. valoran positivamente a xestión da RPT no seu conxunto, aínda que manifestan discrepancias particulares, que serán obxecto da acción sindical futura a prol da mellora das condicións laborais dos traballadores da Universidade da Coruña. No que atinxe aos aspectos dos que CC.OO. discrepa do proxecto de Relación de Postos de Traballo do PAS, a central sindical resérvase a posibilidade de emprender as accións xudiciais que considere oportunas nas defensa dos dereitos dos traballadores e dos seus afiliados.

Sen prexuízo do sinalado anteriormente, as CC.OO. entenden que o tratamento dado pola Universidade da Coruña aos postos de Persoal de Administración e Servizos do INEF-G no proxecto de RPT pode constituír un marco razoable, sempre que se salvagarden os dereitos individuais de todos os traballadores do centro a respecto dos seus salarios, categorías e quendas e das necesidades funcionais do centro.

A Universidade, pola súa banda, manifesta a súa vontade de continuar mantendo abertas todas as formas de negociación cos representantes dos traballadores, en procura sempre de solucións dialogadas, do que é boa mostra os informes favorables ao proxecto de RPT do PAS formulados tanto pola Xunta de Persoal de Administración e Servizos como polo Comité de Empresa.

En calquera caso, tal como quedou expresado desde un primeiro momento pola representación da institución, a Universidade da Coruña continuará a respectar o acordo conseguido co Comité de Empresa o 21 de maio de 2004, sobre integración do PAS laboral do INEF-G, así como o dereito dos traballadores a participaren voluntariamente nos procesos de funcionarización que no seu momento se definiren ou nos concursos de traslado que se puideren producir nos ámbitos que lles son propios.//



 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000