matricula

Por que esperar até o final do prazo? Os que se inscriben antes teñen máis posibilidades de ter praza

A matrícula permanecerá aberta dende o 2 ao 19 de setembro.

O procedemento para matricularse é sinxelo, pero debe ler con atención as indicacións seguintes e axustarse a elas.

Bolseiros de mobilidade internacional da UDC
Vexa as instrucións do apartado "Bolseiros de Mobilidade" no menú da dereita, nas que se detalla que bolseiros poden levar un curso con tarifa rebaixada e as condiciòns que regulan esta oferta do Centro de Linguas. En canto ao procedemento de matrícula, aplícase o procedemento xeral que detallamos nesta páxina.
Dúbidas
Se ten algunha dificultade ou dúbida co procedemento que se detalla a continuación, non vacile en poñerse en contacto con nós, enviando unha mensaxe ao centro de linguas
Paso 1. Preinscrición
Para iniciar o proceso de matriculación, cubra o formulario de preinscrición do curso correspondente. A ese formulario accédese dende o enlace "Matricular", que figura ao final da ficha de cada curso. Observe que cando un curso se ofrece na Coruña e en Ferrol, hai enlaces diferentes, ben sinalados, para cada unha das cidades.
Tras enviar o formulario, na pantalla aparecerá un resgardo da súa inscrición. Imprímao, para gardar constancia. Teña en conta que canto antes recibamos o seu formulario, máis posibilidades ten de que haxa prazas.
Nota importante
Ao cubrir o formulario, escriba o seu nome e apelidos e o seu DNI tal como quere que aparezan nas listas e na acreditación que se lle entregue ao finalizar o curso. Esta documentación utiliza os datos do formulario, e se vostede, por exemplo, non pon acentos no seu nome e nos seus apelidos, tampouco os haberá na documentación.
Paso 2. Reserva de praza
Tras recibir o seu formulario e verificar a existencia de prazas, enviarémoslle unha mensaxe de correo electrónico, confirmándolle a reserva da súa praza, ou ben a súa inclusión nunha lista de agarda. Asegúrese de que o enderezo electrónico e o teléfono que nos dá no formulario son correctos. Se non dispón de correo electrónico, poñerémonos en contacto con vostede por teléfono.
Que fago se non recibo resposta?
Se pasados tres días do envío do seu formulario non recibiu ningunha mensaxe sobre a confirmación da súa reserva, por favor póñase en contacto con nós. Certos tipos de contas de correo electrónico non avisan cando unha mensaxe non foi recibida.
Paso 3. Formalización da matrícula
Na mensaxe de confirmación sinalaráselle un prazo para formalizar a matrícula (normalmente, de entre tres e cinco días, acortándose a medida que nos acheguemos ao final do período de matrícula)
Se non formaliza a matrícula no prazo sinalado, a súa reserva será cancelada.
Para formalizar a matrícula ten que facer o seguinte, dependendo de se a preinscrición é para o campus de Coruña ou o de Ferrol:
  • Campus da Coruña: recibirá por correo electrónico un arquivo con instrucións e un impreso para efectuar o ingreso do importe. (Este procedemento está agora en fase de proba, e será adaptado tamén para aplicalo en Ferrol cando comprobemos a súa eficacia).
  • Campus de Ferrol, recolla o impreso na oficina administrativa do Edificio de Apoio ao Estudo (Campus de Esteiro), en horario de mañá.
O impreso ten catro copias. A entidade bancaria debe quedar só cunha delas. As outras tres son: a amarela para vostede, e a azul e máis a rosa para nós. Cubra o impreso seguindo o indicado na “Folla de instrucións” que se lle entrega xunto co mesmo, e ingrese o importe correspondente na conta de Caixa Galicia indicada no propio impreso. No caso dos impresos electrónicos, as follas son todas da mesma cor, pero en cada unha delas indícase claramente o seu destino final.
Paso 4. Entrega da xustificación do pago
Dentro do prazo que lle indiquemos na mensaxe de confirmación da reserva, debe entregarnos o comprobante de pago: as follas azul e rosa (ou as dúas que levan a inscrición "Para O Centro de Linguas" no caso dos impresos electrónicos). Se fai o pago a través de Caixa Activa, deberá igualmente cubrir o impreso (que neste caso non será visado pola entidade bancaria) e adxuntar o resgardo da transferencia, no que debe constar o nome do curso e o seu código (os códigos figuran na folla de instrucións, e tamén nos formularios de preinscrición).
O lugar no que deben entregarse os comprobantes de pago é na nosa oficina en Coruña, na Facultade de Filoloxía, ou ben na Oficina Administrativa do Edificio de Apoio ao Estudo en Ferrol.
Só pra membros da UDC

Se é membro da comunidade universitaria da UDC, debe presentar a súa tarxeta de identificación universitaria (se pertence aos colectivos PDI ou PAS), ou ben entregarnos copia do seu xustificante de matrícula, se é estudante matriculado para o curso 2013/2014. No caso de non dispor aínda do xustificante de matrícula, pode matricularse coa cuota rebaixada, pero debe entregar o xustificante de estar matriculado antes do 29 de novembro. O Centro de Linguas non expedirá ningún tipo de constancia/acreditación aos estudantes que, tendo abonado a cuota rebaixada, non entreguen o devandito xustificante.

 

Non espere até o último día! Terá máis posibilidades de conseguir praza e facilitará a nosa organización