Quen pode levar un curso gratuíto nesta quenda de outono
- Os estudantes que obteñan unha bolsa Erasmus na primeira convocatoria para o curso 2012-2013, e vaian a cursar estudos nunha das linguas que ofrece regularmente o Centro de Linguas, sempre que non teñan levado xa un curso gratuíto na quenda de primavera ou de verán. Aos que necesiten algunha das linguas europeas menos difundidas, recoméndaselles que soliciten a bolsa EILC, que cubre os costos da aprendizaxe, nos países de destino.
- Os estudantes que teñan participado no Programa de Acollida para Erasmus no 2011-2012.
- Os profesores que teñan concedida unha bolsa de mobilidade Erasmus, sempre que leven o curso antes da súa viaxe. No caso de estar pendente de resolución unha convocatoria de mobilidade, deberán pagar o importe do curso, que lles será devolto cando acrediten a concesión. En ningún caso se tomarán en consideración solicitudes de curso gratuíto a conta de convocatorias que non estean abertas no momento da matrícula.
Procedemento de matrícula:
- Ao cubrir o formulario de preinscrición, escolla a opción que corresponda no apartado "Erasmus da UDC para o curso 2012/2013 (o último apartado da sección "Datos persoais").
- No prazo que se lle indique na mensaxe de reserva de praza, debe traernos unha copia do documento de aceptación da bolsa, co selo de Relacións Internacionais. Ese prazo normalemente é de poucos días, e vaise facendo aínda máis breve a medida que se aproxima o fin do período de preinscrición. Teña en conta que a non entrega en prazo do devandito documento supón unha renuncia á praza reservada e que, no caso de haber lista de agarda, o turno pasa ao seguinte da lista.
- Os participantes no Programa de Acollida non teñen que presentar ningún documento, pois o Centro de Linguas comprobará de oficio a súa inclusión na lista correspondente. Unha vez feita esta comprobación, recibirán unha mensaxe de aceptación no curso elixido ou, de ser o caso, unha notificación da súa inclusión en lista de espera.
Aviso importante
O exercicio do dereito a un curso gratuíto estásuxeito ás condicións seguintes:
- Que o curso elixido teña a demanda mínima necesaria para que poda impartirse. Isto só se pode saber tras finalizar o período de matrícula. No caso de cancelación do curso elixido, ofrecerase aos afectados a posibilidade de escoller outro curso no que haxa prazas vacantes.
- Que haxa prazas vacantes no curso elixido. O Centro de Linguas intenta desdobrar o grupo cando hai un número importante de solicitantes en lista de espera. Pero non sempre é posible facelo. Para evitar este problema o mellor é matricularse nos primeiros días do prazo e axilizar a entrega dos documentos que procedan, para que non caduque a matrícula.
- O Centro de Linguas reubicará de oficio a quen escolla un curso inapropiado para o seu nivel de coñecementos da lingua, sempre que o profesorado estime conveniente un cambio de nivel. Quen se negue a esta reubicación deberá abandonar o curso, dándose por cumprido o compromiso do Centro de Linguas.