italiano

Os cursos de linguas estranxeiras na UDC organízanse en catro series ao ano:

  • Cursos de outono (de mediados de outubro a mediados de decembro)
  • Cursos de inverno (de mediados de xaneiro a mediados de marzo)
  • Cursos de primavera (de mediados de abril a mediados de xuño)
  • Cursos de verán (no mes de xullo)

Os cursos regulares teñen unha duración de 30 horas lectivas, o que dá aos interesados unha gran flexibilidade na escolla de cursos. Cada serie ofrecerá novos puntos de entrada, ademais de dar continuidade aos que fixeron a serie anterior (sempre que o número de matriculados o permita). Non é necesario, pois comprometerse co estudo dunha lingua durante todo o curso. É posible comezalo en calquera das catro series, interrompelo durante un trimestre (ou máis) e retomalo de novo máis adiante, etc. Este sistema de organización supón tamén unha vantaxe importante no caso de ter que recuperar algún módulo: é menos complicado recuperar os contidos dun trimestre cós de todo un ano.

A hora lectiva é o tempo útil de ensino / aprendizaxe. Nas clases de linguas estranxeiras acéptase comunmente que a unidade lectiva básica é de 52 minutos. Tras ese tempo, convén facer un breve descanso antes de continuar.

As clases normais dos cursos regulares na UDC duran dúas horas, que comprenden dúas unidades lectivas máis unha pausa, de oito minutos por cada hora, que habitualmente se acumularán nun único descanso no medio de 15/16 minutos. Nas sesións de catro horas dos venres o tempo total de descanso dividirase en dúas pausas, segundo o criterio do profesor.

Ademais dos cursos regulares, o Centro de Linguas ofrece cursos de conversación, de 15 horas lectivas, e cursos especiais dirixidos a cubrir necesidades específicas da comunidade universitaria e do mundo profesional.

Os cursos regulares da UDC axústanse na súa estrutura e no seu contido aos niveis establecidos no Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación elaborado por un amplo equipo de especialistas no seo do Consello de Europa. Estes niveis foron coidadosamente investigados e deseñados en termos de destrezas específicas, de "cousas que se deberían poder facer" nunha lingua cando se acada un determinado nivel. Deste xeito resulta moito  mais sinxela a comparación entre as moitas institucións que ofrecen ensino de linguas en diversos países e en circunstancias diferentes. E as empresas tamén teñen moito máis fácil precisar as súas expectativas acerca dos coñecementos de linguas estranxeiras do persoal que contratan.

No enlace Niveis dos cursos encontrará información detallada sobre as destrezas que corresponden a cada nivel. Vexa tamén nos enlaces seguintes o plan xeral dos idiomas que ofrece o Centro de Linguas da UDC:

O tamaño do grupo é un aspecto esencial dun bo ensino de linguas: nin demasiado grande nin demasiado pequeno. Cunha metodoloxía enfocada cara ao desenvolvemento de destrezas comunicativas, os grupos dos cursos regulares teñen un máximo de 18 estudantes (que excepcionalmente poderá incrementarse en 1 ou 2). O Centro de Linguas resérvase o dereito de cancelar os cursos que non acaden o número suficiente de inscricións. Pero faremos o posible por mantelos abertos, sempre que resulte compatible coa esixencia de autofinanciamento que rixe o funcionamento do Centro. O número promedio de estudantes por grupo está por debaixo de dez.