![]() |
Qué é o Centro de Linguas?
|
||||
|
A Comisión Europea, no seu Libro Branco Ensinar e aprender: cara a sociedade do coñecemento (1995) estableceu entre os obxectivos fundamentais da educación en Europa o dominio de tres linguas comunitarias, a materna e dúas linguas estranxeiras. Este obxectivo persigue, por unha banda, fomentar o respecto á diversidade lingüística e cultural, evitando que a competencia lingüística en linguas estranxeiras se concentre exclusivamente en torno a unha delas. Por outra banda, este enriquecemento da competencia lingüística pretende favorecer a mobilidade, o intercambio de información e a adaptación a contornos de traballo e de vida nos que se integran linguas e culturas diferentes. Neste marco, o multilingüismo é unha parte esencial da cidadanía e da identidade europea, pero é tamén unha peza imprescindíbel da sociedade do coñecemento. Na procura dun obxectivo tan importante, a Unión Europea ten feito importantes contribucións ao desenvolvemento de programas como Lingua e Erasmus. As razóns que no ano 2005 levaron á creación na Universidade da Coruña dun Centro Linguas dedicado o ensino non curricular de linguas estranxeiras son, pois, da mesma índole que as que están levando a todas as universidades europeas a converxer nun espazo único de educación superior. Coa creación do Centro de Linguas, a Universidade da Coruña recoñece a importancia de proporcionar á comunidade universitaria en especial, pero tamén á comunidade en xeral, unha oportunidade para mellorar os seus coñecementos de linguas estranxeiras e para aprender outras novas, sen as rixideces que impón o ensino regrado. Por outra banda, desde o convencemento pleno de que coñecer outras linguas e culturas pode contribuír a un mellor entendemento entre os individuos e os pobos, o Centro de Linguas tamén atenderá á difusión do noso patrimonio lingüístico e cultural entre estudantes e profesores estranxeiros. Consecuentemente, o Centro de Linguas tamén organiza cursos para difundir entre o público estranxeiro o galego e o español, para prestar a debida atención, sobre unha base de reciprocidade, ás necesidades lingüísticas dos estudantes do programa Erasmus e tódolos que participen en programas de mobilidade.
|
|||||