inglés

Elixir o curso do nivel adecuado é moi importante para poder avanzar a bo ritmo. Existen bastantes probas de nivel en Internet, especialmente para o inglés, pero non todas teñen o mesmo grao de validez e de fiabilidade. O Centro de Linguas recomenda que se utilice DIALANG, un test de diagnóstico de nivel en catorce linguas, adaptado aos niveis do Marco Común Europeo para o Ensino e Aprendizaxe das Linguas (que son os niveis de referencia dos cursos que ofertamos no Centro de Linguas). A elaboración de DIALANG foi financiada pola Comunidade Europea, o que permitiu realizar un minucioso e longo traballo experimental que lle dá á proba un grao de fiabilidade moi elevado nas catorce linguas que avalía. Por iso está sendo cada vez máis utilizado nos centros de linguas das universidades europeas.

DIALANG avalía cinco destrezas lingüísticas: Logo Dialang

  1. comprensión oral
  2. expresión escrita
  3. comprensión escrita
  4. estruturas
  5. vocabulario

Cada unha destas cinco partes descomponse en varios exercicios: "proba de nivel", "autoavaliación" e "proba de lingua".

Trátase dun software de uso gratuíto que corre baixo Windows 95 e superiores (non existe de momento unha versión para os usuarios de Mac). Ten que descargar os componentes necesarios e instalalos no seu PC, seguindo as instrucións que figuran en Universidade de Lancaster. O programa execútase nun entorno JAVA, en algún dos servidores que compoñen a rede DIALANG.

Aínda que se trata dun software probado satisfactoriamente en equipos con configuracións moi diferentes, o Centro de Linguas non se responsabiliza polo correcto funcionamento do mesmo no seu equipo.

A realización de todas as probas para as cinco partes pode levarlle arredor de dúas horas e media. Non necesita facelas todas xuntas, pero unha vez que comeza unha delas, convén que a remate. Se interrompe as probas dunha parte, o software rexistra esta interrupción, e é posible que a próxima vez lle presente unhas probas demasiado difíciles ou demasiado fáciles. As probas deben facerse nun entorno de tranquilidade, que favoreza a concentración, e evitando que o interrompan durante a súa realización (naturalmente, apagando o móbil ou descolgando o teléfono fixo). Para a realización da proba de comprensión oral é aconsellable utilizar auriculares.

Ao finalizar cada proba, capture a pantalla de resultados e gárdea como un arquivo. Necesitará estes resultados todos xuntos ao final, para tomar unha boa decisión. O procedemento para capturar as pantallas explícase máis abaixo.

como interpretar os resultados de dialang

DIALANG analiza os resultados e lle indica claramente en que nivel está situado vostede para cada unha das destrezas avaliadas (A1, B1, A2, B2, C1, C2). É moi posible que as súas destrezas non teñan o mesmo nivel de desenvolvemento. Podería ser, por exemplo, que vostede obteña uns resultados equivalentes a B2 en comprensión escrita, a A2 en comprensión oral, e B1 nas destrezas restantes. Ou calquera outra combinación (todo vai depender do tipo de ensino que levara anteriormente e da atención que se lles prestara ás diferentes destrezas.
Raramente estarán todas ao mesmo nivel. Trate de buscar o punto medio entre os diferentes niveis. No exemplo concreto que comentamos, vostede debería inscribirse no primeiro subnivel de B1 (B1.1, ou Intermedio 1).

Se ten algunha dúbida sobre como interpretar os seus resultados, envíenos unha mensaxe ao centro de linguas. Poña "DIALANG" na casiña "Asunto", e envíe como documento adxunto o arquivo coas pantallas capturadas mediante o procedemento que explicamos máis abaixo. Responderémoslle o máis axiña posible suxeríndolle o nivel máis axeitado segundo o noso criterio.

como capturar as pantallas

Para capturar as pantallas, debe proceder do modo seguinte:

  1. Pulsar simultaneamente as teclas "Alt" + "Impr Pant". Con esta sinxela operación o contido da pantalla pasa a estar no seu portapapeis.
  2. Abra o procesador de textos co que traballe habitualmente (Word, Word Perfect, Open Office, etc.).
  3. Pulse simultaneamente as teclas Ctrl +V. Agora xa ten o contido da pantalla como un documento no seu procesador de textos.
  4. Garde ese documento nun arquivo cun nome que lle resulta fácil de interpretar (por exemplo, "Resultados de DIALANG".
  5. Feito isto coa primeira pantalla (os resultados da primeira proba), cando capture as seguintes, abra o arquivo gardado e engada as novas pantallas a medida que as vai capturando. Así terá todos os resultados no mesmo arquivo.
Que fago se o programa non funciona no meu ordenador?

DIALANG está instalado en todos os ordenadores da Aula Net da Facultade de Filoloxía, e na Aula Net do Edificio de Apoio ao Estudio de Ferrol. Para a realización da parte de comprensión oral, debe pedirlle ao responsable da Aula que lle dea uns auriculares. O que se instala nos ordenadores son certos módulos necesarios para a execución do programa, pero este execútase en remoto nun servidor da Universidade de Manchester. Naturalmente, se hai algunha interrupción ou avería nese servidor (ou na rede da UDC), non se poderá executar. Polo xeral estas averías soluciónanse rapidamente.