recomendaciones

Antes do exame

  • Anote na súa axenda o día, hora e lugar en que se realizará o exame. O Centro de linguas enviaralle esta información á dirección de correo electrónico posta por vostede no formulario de matrícula. Se ten algunha dúbida, póñase en contacto co Centro de Linguas. Enviarémoslle tamén notificación do día e hora que lle correspondan para a proba de expresión oral.
  • Anote tamén o número de identificación que lle envíe o Centro de Linguas. Deberá pór ese número en todas as follas de exame nas que haxa un espazo para iso ("número de identificación").
  • Se vai necesitar un xustificante de comparecencia ao exame, avísenos con antelación. A Administración do Centro de Linguas terao preparado para que lle sexa entregado ao finalizar o exame. Tamén pode pedirllo aos examinadores ao finalizar o exame; estes recollerán os seus datos e pasaranos á Administración, para que lle enviemos o xustificante ao seu domicilio.

O día do exame

  • Chegue con suficiente antelación: non se admitirá a ninguén unha vez que comece o exame. Calcule con folgura o tempo que lle levará o transporte até o lugar do exame.
  • Leve con vostede a súa identificación persoal, que lle será esixida ao comezo do exame. Debe ser o documento orixinal (DNI ou pasaporte), non unha fotocopia. Non poderá examinarse se non pode acreditar a súa identidade.
  • Leve lapis, bolígrafo e goma de borrar.
  • Non poderá entrar na aula con abrigos, bolsos, móbiles ou outros dispositivos electrónicos. Déixeos na casa ou no seu coche. Haberá tamén unha aula dispoñible para depositalos, que permanecerá pechada durante toda a duración da proba escrita. Se usa este depósito, debe estar presente no momento da apertura, pois o Centro de Linguas non se fai responsable da retirada correcta dos obxectos depositados.
  • Non poderá entrar na aula con comida nin bebidas.
  • Quen necesite entrar con algunha medicación (como Ventolín no caso de asmáticos), debe levala nunha bolsa transparente pechada, como as que se usan para conxelación de alimentos ou nos aeroportos. A bolsa deberá permanecer todo o tempo encima da súa mesa.
  • Non fale nin mire as respostas dos seus compañeiros. Facelo suporá unha cualificación negativa (NON APTO) no exame.
  • O exame comezará polas probas de lapis e papel, que se desenvolverán seguidas, cunha breve pausa entre elas. Para a proba de expresión oral será citado individualmente, antes do inicio do exame, indicándolle a hora aproximada á que lle tocará a súa quenda.
  • Lea coidadosamente as instrucións de cada unha das partes do exame antes de facer calquera outra cousa; os examinadores daranlle tempo para iso.
  • Use exclusivamente as follas que lle forneza o Centro de Linguas. Para a proba de expresión escrita daráselle tamén unha ou máis folla para facer esquemas ou un borrador.
  • Cando os examinadores o indiquen deberá deixar de escribir e seguir as súas instrucións respecto da entrega das follas de exame.
  • Os examinadores asinarán unha acta ao finalizar cada proba, facendo constar a hora de inicio, de finalización, o número de candidatos presentes e as incidencias que xurdiren.

Despois do exame

  • Finalizada a corrección de todas as probas, o Centro de Linguas enviaralle a súa cualificación global e as de cada destreza á dirección de correo electrónico fornecida no formulario, xunto coa indicación explícita de se superou ou non o exame.
  • No prazo de tres días hábiles desde o envío deste correo poderá presentar reclamación ante a dirección do Centro de Linguas. As reclamacións poderán basearse unicamente en erros numéricos ou de cálculo da nota.
  • Finalizado o prazo de reclamacións, o Centro de Linguas emitirá os certificados a quen reúnan as condicións necesarias (cualificación global de 6 e non inferior a 5 en cada unha das catro destrezas) e avisará cando estean dispoñibles para a súa recollida. Os certificados deben recollerse persoalmente ou por persoa debidamente autorizada, exhibindo o documento de identidade e asinando nas follas preparadas ao efecto.
  • Lembre que a súa Certificación será recoñecida en todas as universidades españolas, aínda que algunhas poderían establecer a caducidade do certificado transcorridos un determinado número de anos tras a súa obtención.