Prazas limitadas. ¡Non espere até o derradeiro día para formalizar a súa matrícula!
Prazo
A matrícula para o exame de acreditación de inglés B1 permanecerá aberta até o 28 de novembro, se ben podería pecharse antes no caso de que o número de solicitudes confirmadas exceda as posibilidades do Centro de Linguas.
Adxudicación de prazas
As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición (conforme o número que figura como primeiro dato no resgardo electrónico).
Procedemento
- Cubra e envíe o formulario de inscrición. Tras recibilo e verificar a existencia de prazas, enviarémoslle unha mensaxe de correo electrónico ao enderezo que figure no formulario, confirmándolle a reserva de praza ou, de ser o caso, a inclusión nunha lista de agarda. Asegúrese de que o enderezo electrónico e o teléfono que nos subministra no formulario son correctos. Se non dispón de correo electrónico, poñerémonos en contacto con vostede por teléfono.
- No caso de ter praza, a mensaxe de confirmación levará como anexo un arquivo con instrucións e un impreso para efectuar o pagamento. Tanto na mensaxe como no impreso figurará a data límite para formalizar a súa matrícula, mediante o pago da cuota correspondente (véxase o apartado "ACLES na UDC " no menú da esquerda). O impreso de pagamento irá xa cuberto; só ten que imprimilo, asinar as catro follas e acudir a unha entidade bancaria. Esta deberá quedarse cunha das follas, e devolverlle cuñadas as outras tres (unha para vostede, e dúas para o Centro de Linguas, conforme se indica mediante unha inscrición en marca de auga na parte inferior de cada folla). No caso de enviarnos electronicamente as follas de pagamento, pode enviar só a copia escaneada dunha das correspondentes ao Centro de Linguas. No caso de que o pagamento se fixer mediante banca electrónica, debe enviarnos o resgardo da transferencia. no que debe constar como concepto "exame ACLES 2013"; debe igualmente asinar as follas do impreso e envialas xunto co resgardo da transferencia (loxicamente, neste caso o impreso de pagamento non estará cuñado pola entidade bancaria).
- Debe entregarnos ou enviarnos tamén unha copia do se Documento Nacional de Identidade.
- No caso de aplicarse a tarifa reducida para membros da UDC, debe achegarnos, xunto co resgardo do pagamento e a copia do DNI, a xustificación da súa pertenza a algún dos colectivos da Universidade da Coruña (no caso dos estudantes a copia da matrícula para o curso 2013/2014).
- O Centro de Linguas só considerará formalizada a matrícula no momento de ter constancia do pagamento. Teña en conta, pois, que o prazo que se lle indique é non só para facer o pagamento, senón tamén para facernos chegar a documentación correspondente. No caso de transcorrer o prazo sen ter recibido esta documentación, a súa matrícula será anulada automaticamente e chamarase á persoa que ocupe o primeiro lugar na lista de agarda. Unha vez chamada outra persoa no seu lugar, a entrega tardía da documentación de pagamento non producirá o efecto de recuperar a praza, a non ser que nese momento exista unha vacante. Como norma xeral, o Centro de Linguas asignaralle a primeira vacante que se produza, pero de non producirse ningunha, rexeitará o pagamento fóra de prazo e devolveráselle o importe da matrícula, descontando 12 euros en concepto de gastos de xestión.
- Pode renunciar a facer o exame e solicitar a devolución do importe até o día 28 de novembro, mediante escrito enviado ao Director do Centro de Linguas (non valen para este propósito as peticións por teléfono ou por correo electrónico). O Centro de Linguas descontará 12 euros en concepto de gastos de xestión.
- Despois do 28 de novembro non se devolverá o importe en ningún caso, nin se gardará para unha convocatoria posterior no caso de non poder asistir ao exame.