acreditacións ACLES

Que é unha acreditación de nivel?

Unha acreditación de nivel consiste nunha certificación do grao de dominio dunha lingua estranxeira, aceptada por parte das institucións e do mercado laboral como "proba" de que se domina esa lingua no grao que a certificación indique. É, pois, algo diferente dos diplomas de aproveitamento dun curso de determinado nivel, como os que expide o Centro de Linguas aos que aproban os seus cursos. Eses diplomas son de aproveitamento do curso, e como tales, son cualitativamente diferentes dos certificados de dominio. Estes certificados implican a realización dun examen independente de calquera curso, no que entran as catro destrezas fundamentais (comprension lectora, comprension auditiva, expresión oral e expresión escrita).

Por que unha nova acreditación?

A xeneralización progresiva nas universidades de requisitos de dominio dun idioma estranxeiro, ben para obter un título, ben para acceder a certos programas facía aconsellable non deixar este terreo exclusivamente nas mans das entidades certificadores privadas. Compría ofertar unha certificación propia, xestionada polas universidades e para as universidades, que non fose inferior en calidade ás certificacións máis coñecidas, e que tivese fronte a elas un prezo competitivo.

Tras un longo estudo a fondo das características das mellores certificacións existentes no mercado, foi cobrando forma o Modelo de acreditación de exames ACLES.

    Trátase dun modelo de acreditación mediante exame coas seguintes propiedades:
  • Consensuado e creado polos propios centros de linguas das universidades, e que responde as necesidades destas últimas.
  • De índole plurilingüe e flexible en canto niveis certificados, número de convocatorias, tarifas e data de convocatorias.
  • Descentralizado e integrador de centros xa que respecta as particularidades de cada un deles (cada centro poderá certificar as linguas e os niveis que a súa universidade lle pida coas tarifas que a mesma determine).
  • Transparente e facilmente “interpretable” por outras universidades.
  • A súa calidade está avalada pola asociación de 45 centros (ACLES) de distintas universidades españolas con todo o que iso implica tanto en territorio español como en Europa - ao estar integrada a asociación nunha organización europea máis ampla (CERCLES, con máis de 300 universidades), a acreditación tamén podería ser recoñecida nese ámbito.
  • A acreditación ACLES non implica un sistema idéntico nin centralizado de avaliación, senón que constitúe un aval, por parte da Asociación, da calidade dos métodos de avaliación e certificación empregados polos centros.