JCR (Journal Citation Report): producido polo ISI, establece o factor de impacto e a clasificación das publicacións periódicas a partir do estudo das citas bibliográficas que aparecen nelas. Listaxe completo de revistas españolas incluídas neste índice.
In-RECJ (índice de impacto de revistas españolas en ciencias xurídicas): elaborado pola Universidade de Granada (Grupo de investigación EC3) é un índice bibliométrico que, a partir da análise das citas de revistas españolas de ciencias xurídicas, permite determinar a relevancia, influencia e impacto científico das revistas, dos autores que publican nelas e das institucións ás que estos se adscriben.
In-RECS (índice de impacto de revistas españolas en ciencias sociais): elaborado pola Universidade de Granada (Grupo de investigación EC3) é un índice bibliométrico que ofrece información estatística a partir do reconto das citas bibliográficas de máis de 100 revistas españolas de ciencias sociais para determinar a súa relevancia e impacto científico, así como dos autores que publican nestas.
In-RECH (índice de impacto de revistas españolas en ciencias humanas): elaborado pola Universidade de Granada (Grupo de investigación EC3) é un índice bibliométrico que ofrece información estatística a partir do reconto das citas bibliográficas de revistas españolas de humanidades para determinar a súa relevancia e impacto científico, así como dos autores que publican nestas.
Factor IME (factor de impacto potencial das revistas médicas españolas): é un proxecto elaborado polo Instituto de Historia de la Ciencia y Documentación López Piñero (CSIC). Calcula o índice de impacto considerando unicamente as citas que as revistas españolas reciben dunhas 100 revistas nacionais, seleccionadas pola súa inclusión na base de datos IME e nalgunha outra base de datos internacional como Medline, Embase e Science Citation Index.
RESH (revistas españolas de ciencias sociais e humanas): presenta os resultados da análise das revistas destes ámbitos desde o punto de vista da súa calidade (tanto editorial como de visibilidade internacional), e aporta tamén os índices de citas correspondentes aos anos 2000-2008. Toma como referencia os documentos clave sobre procedementos de avaliación de CNEAI, ANECA e Latindex.
DICE (difusión e calidade editorial das revistas españolas de humanidades, ciencias sociais e xurídicas): producida polo CSIC e ANECA, ten como obxectivo facilitar o coñecemento e a consulta dalgunhas das características editoriais máis ligadas á calidade, como os mecanismos de avaliación dos orixinais para publicar, a apertura dos órganos de xestión e dirección, a difusión das revistas nas bases de datos de prestixio internacional, etc. Complementa así os datos ofrecidos en RESH. ANECA emprega esta base de datos como referencia de calidade das publicacións españolas nos procesos de avaliación do profesorado.
SCImago Journal Rank: portal que recolle diversos indicadores científicos sobre revistas e países, elaborados a partir da información contida na base de datos Scopus. É desenvolvido por Scimago Research Group (formado por membros da Universidade de Granada, de Extremadura, Carlos III de Madrid e Alcalá de Henares).
CIRC (Clasificación Integrada de Revistas Científicas): portal que ofrece unha clasificación de revistas de ciencias sociais e humanas, confeccionada en función da calidade, integrando os produtos de avaliación existentes e considerados positivamente polas diferentes axencias de avaliación nacionais como CNEAI e ANECA. A clasificación resultante consta de catro grupos xerárquicos (gA, gB, gC, gD) en función da visibilidade das revistas e un quinto grupo de excelencia (gEx). Para a súa elaboración contouse coa participación e o consenso de distintos expertos en bibliometría: EC3 (Universidade de Granada), Grupo EPUC (CCHS.CSIC), Grupo ACUTE (CCHS.CSIC) e LEMI (UC3M). Dialnet inclúe a clasificación CIRC nas súas revistas desde 2010.
Scopus: base de datos multidisciplinar que indiza máis de 14.000 publicacións científicas procedentes duns 4000 editores, ofrecendo ademais as referencias citadas desde o ano 1996. Permite obter índices de citas e integra o motor de busca científica Scirus.
Web of Science: producido polo ISI, é unha base de datos de artigos de revista e índices de citas subdividida en tres eidos: Science Citation Index, Social Sciences Citation Index e Art & Humanities Citation Index. Ten un sesgo a favor do ámbito científico dos artigos producidos en países anglosaxóns e en lingua inglesa. Integra Scientific WebPlus de Thomson que é un buscador especializado en ciencia, ampliándose o rastreo da información científica en Web of Knowledge á web aberta, limitándose a sitios web seleccionados, de interese científico, e priorizando os resultados con criterios de relevancia propios.
Eigenfactor.org: ofrece os indicadores Eigenfactor e Article Influence sobre a importancia de revistas científicas baseados na información de citas do JCR. A puntuación Eigenfactor valora a importancia relativa dunha publicación para a comunidade científica, de forma que a suma das puntuacións de todas as revistas suman 100; esta puntuación está influenciada polo tamaño dunha publicación medida polo número de artigos anuais publicados. Article Influence mide a media da influencia dos artigos dunha publicación. Elaborado pola Universidade de Washington.
Latindex: sistema rexional de información en liña para revistas científicas de América Latina, o Caribe, España e Portugal. O seu obxectivo é difundir, facer accesible e elevar a calidade das revistas científicas de estas zonas. Consta dun ‘directorio’ que proporciona os datos normalizados das revistas, con información que permite coñecer a súa traxectoria, especialización temática, organismo editor, responsables editoriais, bases de datos que cubren a revista, etc., e do ‘catálogo’ que é un subconxunto das revistas contidas no ‘directorio’, con información adicional sobre os criterios de calidade cumpridos por cada unha delas.
ERIH (European Reference Index for the Humanities): baixo a dirección do Comité Permanente da European Science Fundation for the Humanities creouse este índice de revistas de humanidades de ámbito europeo.
CARHUS Plus+: sistema de clasificación de preto de 5000 revistas nas áreas das ciencias sociais e humanidades que se publican no ámbito catalán, nacional e internacional. As revistas clasifícanse da A á D, ademais de co Índice Compuesto de Difusión Secundaria (ICDS), un indicador que mide a difusión das revistas en bases de datos científicas.
MIAR (Matriu d'Informació per l'Avaluació de Revistes): base de datos que pretende establecer con periodicidade anual a identificación e avaliación de revistas nas ciencias sociais e humanidades.
Google Scholar Metrics: visibilidade dos autores e influencia de artigos recentes nas publicacións científicas.
Ulrich's: contén información sobre publicacións periódicas e indica en que bases de datos son indizadas.
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000