Servizo de Biblioteca Universitaria  

NORMAS DE PRÉSTAMO DO SERVIZO DE BIBLIOTECA DA UDC
( Aprobadas pola comisión da Biblioteca Universitaria do 17 de novembro de 2008)

 
 

1         Finalidade

       O servizo de préstamo da Biblioteca da Universidade da Coruña ten por finalidade optimizar o uso das coleccións bibliográficas da UDC, con independencia da súa localización, permitindo que os usuarios da biblioteca poidan ter os documentos, durante un tempo limitado. As normas que rexen este servizo farán compatible a consulta destes materiais coa súa conservación.
 

2        Usuarios do servizo de préstamo

2.1   Poden utilizar o servizo de préstamo todos os membros da comunidade universitaria da UDC: as persoas que estuden en ciclos formativos oficiais e propios da UDC, o persoal docente e investigador (PDI) e o persoal de administración e servizos (PAS).

2.2   Poderán ter a condición de usuarios do servizo de préstamo aqueloutras persoas expresamente autorizadas pola Biblioteca ou que pertenzan a entidades con que existan convenios ou acordos para a utilización do servizo de préstamo. Os antigos membros da comunidade universitaria da UDC e calquera persoa da comunidade investigadora en xeral poderán utilizar o servizo de préstamo sempre que fosen autorizados.

 

2.3   As autorizacións terán a duración dun ano, renovable, e concederanas os responsables da biblioteca de acordo cos criterios que estableza a Comisión da Biblioteca Universitaria.

3        Formalización e condicións do préstamo

3.1   O préstamo formalizarase mediante a presentación da tarxeta de identificación universitaria ou dun documento oficial que identifique o usuario. A tarxeta de identificación universitaria terá validez para o servizo de préstamo mentres o usuario manteña a súa vinculación coa Universidade (ha de estar matriculado no caso dos estudantes e manter a relación laboral no caso de profesores e PAS).

3.2   As condicións do servizo de préstamo dependen do grupo de usuario a que pertenza quen solicite o préstamo (véxase a táboa ao final desta normativa).

3.3   Os usuarios poderán renovar os documentos que teñan en préstamo, sempre que estes non fosen solicitados por outro usuario, así como reservar, en calquera biblioteca, aqueles que estean prestados. As renovacións pódense facer de forma presencial, por teléfono ou a través da web.

3.4   Para que calquera usuario poida acceder aos fondos de todas as bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarse existe o préstamo intercentros.

3.5   O uso do servizo implica a aceptación das normas que o regulan.

4        Documentos obxecto do servizo de préstamo

4.1   Todos os materiais bibliográficos da UDC son susceptibles de ser prestados, pero algúns materiais poderán ser excluídos do préstamo ou ser sometido a un réxime de préstamo restrinxido. As exclusións ou restricións poderán obedecer a razóns de utilización, antigüidade, rareza ou preservación.

4.2   De forma xeral, quedarán excluídos do préstamo, aínda que se poderán consultar na biblioteca en que estean depositados:

a)      Obras de referencia: enciclopedias, dicionarios, bibliografías etc. Son susceptibles de préstamo intercentros, pero o usuario final só as pode consultar en sala.

b)      Revistas e outras publicacións periódicas.

c)      Documentos antigos, raros e preciosos.

d)      Documentos modernos xa esgotados e dificilmente substituíbles.

e)      Teses, memorias de licenciatura e proxectos fin de carreira non publicados.

f)       O material cartográfico.

 

4.3   En función de cada biblioteca poden quedar excluídos de préstamo ou en préstamo restrinxido:

a)      Os documentos audiovisuais e gráficos (vídeos, diapositivas, filmes, planos etc.)

b)      Documentos moi utilizados, dos cales a biblioteca non teña máis dun exemplar.

c)      Outros documentos similares que, segundo o criterio da comisión da biblioteca do centro, deban ser excluídos do servizo de préstamo

 

4.4   Os documentos moi utilizados poderán ser sometidos a un réxime de préstamo restrinxido, que consistirá en que se deixen en préstamo durante fins de semana e festivos

 

4.5   Os fondos adquiridos con cargo aos proxectos de investigación ou con cargo aos recursos externos á Universidade, contratos de investigación etc.) serán depositados na biblioteca para o seu control e proceso e serviranse en réxime preferente de préstamo ao director do devandito proxecto ata a súa finalización.

 

5.      Incumprimento das normas de préstamo

5.1   O usuario ten a obriga de devolver os documentos en préstamo dentro da data límite. En caso de incumprimento do prazo, a biblioteca requirirá o usuario para que devolva a obra. Non se lle prestarán documentos a ningún usuario que teña outros en préstamo con prazos de devolución vencidos mentres non os devolva ou renove.

5.2   O atraso na devolución dos documentos en préstamo será motivo de sanción:

§         Por cada día de atraso aplicarase un punto de penalización.

§         Cando o usuario acumule 10 ou máis puntos de penalización quedará temporalmente excluído do servizo de préstamo por un número de días igual ao número de puntos de penalización acumulada.

§         Os puntos de penalización e días de sanción contaranse por días hábiles.

5.3   En caso de perda ou deterioración o usuario deberá restituír a obra prestada por outro exemplar da mesma edición. Se a obra está esgotada terá que adquirir e entregarlle á biblioteca outra de características similares. Mentres non se restitúa a obra, o usuario quedará excluído do servizo de préstamo.

 

5.4   Co fin de asegurar a devolución ou reposición dos fondos bibliográficos pertencentes ao patrimonio da UDC, a secretaría de cada centro poderalle pedir á Biblioteca un informe sobre a situación do préstamo cando o alumno solicite a expedición do título oficial. No caso de ter préstamos pendentes de devolución, o administrador do centro poderá requirir a súa regularización.

Igualmente, cando conclúa a relación laboral coa UDC dalgún membro do profesorado (PDI) ou do persoal de administración e servizos (PAS), o Servizo de Persoal poderalle solicitar á Biblioteca información sobre a súa situación de préstamo, co obxecto de reclamar os documentos pendentes de devolución.

 

6.      Garantía

 A comisión de biblioteca dos centros garantirá o cumprimento desta normativa e amparará e resolverá calquera reclamación efectuada polos usuarios ao respecto.

 

Estas normas de préstamo do servizo de biblioteca da UDC foron aprobadas pola comisión da Biblioteca Universitaria do 17 de novembro de 2008.

ANEXO I

O número de documentos que se poden ter en préstamo simultáneamente varía segundo o tipo de usuario

Tipos de usuarios Número de documentos Duración: días
GRUPO I

Estudantes de grao de centros propios e adscritos

Estudantes de 1º. e 2º. ciclo a extinguir

Estudantes da Universidade SENIOR

Persoal de administración e servizos (PAS)

6

10 días naturais

GRUPO II*

Estudantes de doutoramento

25

21 días naturais

GRUPO III

Estudantes de másteres

Proxectos fin de grao, fin de carreira

10

21 días naturais

GRUPO IV

Persoal docente e investigador da UDC, institutos universitarios e centros adscritos

Profesores visitantes

 

100

Préstamo por curso académico coa limitación de exemplares establecida. Cada biblioteca poderá excluir deste tipo de préstamo documentos por razóns de uso ou dispoñibilidade. Se outro usuario solicita algún documento do préstamo permanente háselle de poder prestar nun prazo de 4 días. Finalizado o período de préstamo do outro usuario, o documento será enviado de novo ao PDI

GRUPO V

Bolseiros de investigación e investigadores contratados

25

Préstamo por curso académico coa limitación de exemplares establecida. Cada biblioteca poderá excluir deste tipo de préstamo documentos por razóns de uso ou dispoñibilidade. Se outro usuario solicita algún documento do préstamo permanente háselle de poder prestar nun prazo de 4 días. Finalizado o período de préstamo do outro usuario, o documento será enviado de novo ao PDI

GRUPO VI

Usuarios autorizados

3

10 días naturais

* Reforma aprobada pola Comisión da Biblioteca Universitaria, de 24 de abril de 2012

PRÉSTAMOS ESPECIAIS


 
Usuarios Préstamo restrinxido de fin de semana e festivos
Todos Permite dispoñer dalgúns dos documentos excluidos do préstamo habitual

O préstamo abranguerá desde o venres, ou día antes do festivo, ata o luns ou día seguinte do festivo

Usuarios Préstamo especial en períodos de vacacións
Grupo I Préstamo verán:  21 días

Nadal e Semana Santa: axustado ao período non lectivo

Usuarios Bibliografía recomendada
Todos Poderánse establecer días de préstamo diferente, pódense limitar as renovacións e reservas
Usuarios Préstamo BIC (biblioteca de interese cultural)
Todos 30 días
 

Volver atrás Inicio