Préstamo

Cantos documentos e por canto tempo podo levalos en préstamo?
Cambian os prazos de préstamo durante os períodos de vacacións?
Que é o préstamo intercentros?
Cantos dias tardan  en chegar os documentos solicitados por préstamo intercentros?
Que identificación necesito para o préstamo?
Como podo renovar os meus préstamos?
Que ocorre se devolvo os libros con atraso?
Como podo reservar un libro que está prestado?
Como saber que documentos teño prestados ou reservados?
Podo sacar unha revista en préstamo?
Existen documentos excluídos do préstamo?
Se perdo un documento que teño en préstamo, que teño que facer?
No caso de que solicite un libro que estea prestado, podo saber quen o ten?
Podo saber que libros tiven en préstamo no pasado?
Non son membro desta universidade, podo utilizar a biblioteca e sacar libros en préstamo?

Que teño que facer para solicitar o carné de usuario externo?
Como acceder a O meu rexistro (renovación e reserva de préstamos por Internet)?
Que é o préstamo interbibliotecario?
Quen pode utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario? É gratuíto?
Préstanse ordenadores  portátiles?
Préstanse lectores de libros electrónicos?

Cantos documentos e por canto tempo podo levalos en préstamo?

Depende do tipo de usuario e do tipo de documento: guía de préstamo.

Cambian os prazos de préstamo durante os períodos de vacacións?

Durante os períodos de vacacións (Nadal, Semana Santa e verán) poderán establecerse prazos de préstamo dunha duración extraordinaria, que se comunicarán coa suficiente antelación.

Que é o préstamo intercentros?

Os usuarios, a través da súa biblioteca, poderán solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarse. As condicións do préstamo intercentros serán as mesmas que as do préstamo a domicilio. Para máis información acuda ao persoal da biblioteca.

Cantos días tardan en chegar os documentos solicitados por préstamo intercentros?

Depende de que biblioteca veñan, o normal son dous ou tres días

Que identificación necesito para o préstamo?

A Tarxeta de Identificación Universitaria da UDC ou un documento acreditativo da identidade: DNI, pasaporte...

Como podo renovar os meus préstamos?

Pódese renovar o préstamo dun documento sempre que outro usuario non teña solicitado ese documento e o período de préstamo non estea vencido. Pódese facer de tres xeitos:
> Achegándose ao mostrador da súa biblioteca.
> Por teléfono, chamando ao 981 167 000 e marcando a extensión da súa biblioteca.
> Por Internet, na ligazón O meu rexistro.

Que ocorre se devolvo os libros con atraso?

O atraso na devolución xenera 1 punto negativo por cada libro e día de retraso. Os puntos funcionan en bloques de 10, de modo que ao sumar 10 quedará excluído do préstamo por 10 días.

Se se acumula, poñamos por caso, 14 puntos terá unha suspensión de 10 días. Seguirá mantendo os 4 puntos restantes, iso si, que se irán sumando aos puntos que se acumulen no futuro, ata volver a xuntar 10 (ou un múltiplo de 10) e provocar un novo período de exclusión.

No caso de xerar dunha soa vez, por exemplo, 60 puntos (un atraso de 10 días en 6 libros) quedará excluído do préstamo durante 60 días.

Como podo reservar un libro que está prestado?

Cando un libro está prestado existe a posibilidade de efectuar unha reserva, de xeito que, cando o devolvan, a biblioteca avisarao por correo electrónico e gardará o libro durante 48 horas. As reservas pódense realizar no mostrador da biblioteca ou por Internet, a través da ligazón O meu rexistro, pero non por teléfono.

Como saber que documentos teño prestados ou reservados?

Na ligazón O meu rexistro.

Podo sacar unha revista en préstamo?

Non. As publicacións periódicas só poden consultarse dentro da biblioteca.

Existen documentos excluídos do préstamo?

Ademais das revistas, tamén están excluídas de préstamo as teses e tesinas, as obras de referencia, as obras de especial valor e os libros que aparecen no catálogo como de “consulta na sala”.

Se perdo un documento que teño en préstamo, que teño que facer?

Segundo o punto 5.3. das Normas de préstamo do Servizo de Biblioteca da UDC: "En caso de perda ou deterioro o usuario deberá restituír a obra prestada por outro exemplar da mesma edición. Se a obra está esgotada terá que adquirir e entregarlle á biblioteca outra de características similares. Mentres non se restitúa a obra, o usuario quedará excluído do servizo de préstamo."

No caso de que solicite un libro que estea prestado, podo saber quen o ten?

Non, pode reservalo, pero non podemos dicir quen o ten. Na Biblioteca temos que cumprir á Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, que di que "os datos de carácter persoal obxecto do tratamento só poderán ser comunicados a un terceiro para o cumprimento de fins directamente relacionados coas funcións lexítimas do cedente e do cesionario co previo consentimento do interesado". Igualmente, "o responsable do ficheiro e quen interveña en calquera fase do tratamento dos datos de carácter persoal, están obrigados ao segredo profesional respecto destes e ao deber de gardalos, obrigas que subsistirán aínda despois de finalizar a súa relación co titular do ficheiro ou, no seu caso, co seu responsable".

Podo saber que libros tiven en préstamo no pasado?

Si, consultando o historial de préstamos en O meu rexistro. O seu funcionamento está explicado neste videotitorial elaborado pola Biblioteca da Facultade de Ciencias.

Non son membro desta universidade, podo utilizar a biblioteca e sacar libros en préstamo?

A biblioteca está aberta a calquera que precise usar os seus fondos, pero algúns servizos están restrinxidos aos usuarios, como no caso do préstamo.

As persoas alleas á Universidade poden solicitar o carné de usuario externo autorizado, o que lles permitirá utilizar este servizo (punto 2.2 das Normas de préstamo do Servizo de Biblioteca da UDC).

Que teño que facer para solicitar o carné de usuario externo?

É necesario cubrir este formulario: "solicitude para o uso do servizo de préstamo da Biblioteca" e acompañalo dunha fotocopia do DNI ou pasaporte. Pódese presentar en calquera das bibliotecas da UDC. O carné ten vixencia dun ano.

Máis información nesta ligazón.

¿Como acceder a "O meu rexistro" (renovación e reserva de préstamos por Internet)?

Indicando os seus apelidos e nome, e o código de barras e o pin da súa tarxeta universitaria. Instruccións para recuperar o pin.

Que é o préstamo interbibliotecario?

É un servizo que permite poñer a disposición dos nosos usuarios aqueles libros ou documentos que non se atopan en ningunha das bibliotecas da UDC.

Quen pode utilizar o servizo de préstamo interbibliotecario? É gratuíto?

Poden utilizar este servizo todos os membros da comunidade universitaria e os usuarios externos autorizados.

Os membros da comunidade universitaria non teñen que pagar os gastos derivados deste servizo, que está sometido ás tarifas que establecen as bibliotecas subministradoras (agás que superen os 60 euros).

Os usuarios externos teñen que pagar os custos das peticións que se lles subministren.

Para saber máis do funcionamento deste servizo consulte a seguinte ligazón.

Prestánse ordenadores portátiles?

Este servizo está restrinxido aos membros da comunidade universitaria e a duración do préstamo será de catro horas, aínda que poderá ser renovado por outras catro se non hai usuarios en listaxe de agarda.

Para facer uso do préstamo ten  que cubrir esta solicitude

Préstanse lectores de libros electrónicos?

A Biblioteca da UDC ofrece  este servizo restrinxido aos membros da comunidade universitaria. A duración do préstamo será de 15 días e poderá ser renovado por outros 15, se non hai usuarios en lista de agarda.

Para facer uso do préstamo hai que cubrir esta solicitude