Presentación

A Avaliación Docente da Universidade da Coruña está formada por unha batería de enquisas para o alumnado e para o profesorado que se contestan integramente a través da internet.

Hai dous tipos de enquisas: xerais e por materias. Dentro das Enquisas por materias o alumnado avalía a docencia de cada profesor/a en cada materia, mentres que a súas propias competencias para a aprendizaxe autoavalíaas no enlace de Enquisas xerais. O profesorado, pola súa banda, en Enquisas por materias ten as correspondentes á autoavaliación da súa docencia, e mais as de avaliación das competencias do alumnado para a aprendizaxe, que se fan dun xeito global; no enlace de Enquisas xerais atópanse os cuestionarios de autoavaliación de competencias para o ensino.

Os Cuestionarios de Avaliación da Docencia Universitaria, teñen como obxectivo detectar as necesidades de alumnado e profesorado no desenvolvemento da docencia, cara a estudar as alternativas de organización e programas de apoio e formación que mellor satisfagan as necesidades detectadas. Tanto os cuestionarios para o alumnado como para o profesorado estrutúranse atendendo principalmente a tres dimensións da docencia (metodoloxía didáctica, avaliación e titoría), con algúns ítems semellantes para contrastar as visións dos dous colectivos. Estes cuestionarios pretenden recoller as percepcións e valoracións subxectivas sobre diferentes aspectos da docencia universitaria que consideramos relevantes cara ao obxectivo proposto. Organízanse por materias, dividíndose, se for caso, segundo os/as profesores/as que a impartan.

As Escalas de Avaliación das Competencias do Alumnado para a Aprendizaxe parten da idea de que estudar e aprender son actividades que requiren do uso dunha serie importante de competencias e que se ben estas son diferentes dunha materia a outra, algunhas pódense considerar comúns. Nos novos planos de estudio que se están a facer coa filosofía ECTS as competencias que se teñan identificado terán que ser especificadas e desenvoltas en cada materia pero, dunha forma máis xeral, gustaríanos contribuír á formación dos nosos estudantes naqueles aspectos en que puideren necesitar apoio. Para iso, solicítase ao propio alumnado que informe sobre estes aspectos, aínda que tamén se busca coñecer a visión de conxunto do grupo nunha materia que pode proporcionar o profesorado. Trátase de coñecer o grao de desempeño tanto en competencias instrumentais como en competencias interpersoais.

Os Cuestionarios de Autoavaliación das Competencias do Profesorado baséanse en que ensinar, igual que aprender, implica estar aberto/a á formación permanente, posto que para desenvolver unha docencia de calidade parecen necesarias algunhas competencias e habilidades profesionais que sempre podemos mellorar. Por iso, saber como se percibe o profesorado nalgunhas desas competencias é importante para deseñar o plano formativo da universidade e permitirá facer unha oferta de formación personalizada a quen os responda. O cuestionario de competencias para o ensino configúranse en catro dimensións (metodoloxía didáctica, tecnoloxía educativa, ensino semi-presencial, e saúde e prevención de riscos laborais) e tamén hai outro cuestionario sobre competencias lingüísticas en idiomas estranxeiros.

Todas as escalas e cuestionarios poden verse no enlace "ver as enquisas" do menú principal desta páxina.