Para que as enquisas

A avaliación docente na Educación Superior ten algunhas peculiaridades que fan que mereza a pena deterse a reflexionar sobre ela sequera un momento.

Contrariamente a outros niveis da educación, en que a avaliación se centra no proceso de ensino–aprendizaxe que ten lugar ao redor das materias que configuran o currículo, na Universidade dispoñemos dunha forma de avaliación engadida cuxa responsabilidade recae sobre a Institución e que vén constituír un criterio de calidade como reveladora do interese pola mellora da docencia universitaria: a avaliación docente. No primeiro caso, a avaliación na Universidade ten moitos elementos conceptualmente comúns cos demais niveis educativos. No segundo, non sempre está claro qué avaliamos, para que e cales son os medios máis apropiados.

En termos xerais, a avaliación docente veu desempregando unha función de control ou fiscalización da actividade desenvolvida polo profesorado. Dadas as características do Ensino Superior utilizouse a avaliación docente para identificar o grao de cumprimento do profesorado das súas obrigas e o nivel de satisfacción do alumnado co ensino recibido nas materias que cursou. Non en poucas ocasións se outorgou a esta información o carácter de indicador da calidade docente, actuando ás veces como criterio para a recepción dalgún complemento retributivo ou de máis ou menos orzamento para a docencia. En calquera caso, as finalidades máis comúns poderíanse sintetizar na valoración do cumprimento e satisfacción xeral do estudantado co seu profesorado e coas materias cursadas.

Na actualidade, ao anterior habería que engadir o factor acreditación: o profesorado debe acreditarse como paso previo á súa contratación nalgunha das figuras que establece a LOU, e iso fortalece a visión do resultado da avaliación como indicador de calidade docente.

A posibilidade de que o alumnado valore o ensino recibido sempre se considerou como un elemento moderador de calquera tendencia á arbitrariedade e como un estímulo para mellorar aqueles aspectos que resultan avaliados máis negativamente. Que o profesorado reciba información sobre a súa actividade considérase en si mesmo como un elemento de cambio. Porén, os problemas que presenta este tipo de avaliación docente son moitos, e non nos deteremos aquí a comentalos todos, aínda que si mencionaremos algúns a continuación.

Parece bastante evidente que a docencia non é un proceso que resulta da acción unidireccional do profesorado. A docencia é o referente sistémico da actuación de varias forzas nun contexto dado. O contexto facilítao o propio currículo e o centro en que se desenvolve (coas súas posibilidades e límites materiais e humanos). As forzas implican a profesores e estudantes que representan as dúas caras dunha mesma moeda. No ten sentido ensinar se non existe alguén que deba aprender. De igual xeito que non pode existir aprendizaxe, en sentido educativo (polo tanto, situado nun contexto intencional e propositivo desde a perspectiva sociocultural) sen que exista alguén en disposición de ensinar.

Se a docencia fose o resultado unidireccional podería entenderse unha avaliación centrada na valoración da actividade do profesor. Pero posto que a docencia reflicte o resultado dunha actuación conxunta entendemos que debe contemplar a ambos, a quen está en disposición de ensinar e a quen está en disposición de aprender, dado que o resultado do que sucede depende da interacción entre eles.

Por este motivo, non consideramos oportuno avaliar só a satisfacción do alumnado. Isto pode ser razoable para quen o considere o “cliente” dun servizo e, por tanto, alleo ao seu funcionamento. Pero o estudante, educativamente falando, non é cliente, é actor. Tanto como o é o profesor, polo que o resultado da docencia ao longo do curso variará en función das características e decisións que uns e outros teñan ou tomen.

Pero, que avaliar? Na nosa opinión debe ser avaliado aquilo sobre o que institucionalmente intervimos. É obvio que a avaliación dos contidos do currículo lle corresponde ao profesorado, igual que o é a posición que o alumnado ocupa en relación con ela. Avalíase aquilo sobre o que se interveu e que resulta dunha planificación dirixida á consecución de determinados obxectivos. No caso da Institución Universitaria que avalía anualmente a súa docencia, de que xeito podemos operativizar os obxectivos que persegue e en que accións podemos traducir a súa intervención?

A pregunta non é banal se partimos de que é demasiado frecuente que a avaliación docente se esgote en si mesma. Avalíase para informar acerca do xeito en que o profesorado desenvolve pedagoxicamente a súa materia. Non se enxuíza a súa preparación científica ou académica, senón o modo en que a desprega para conseguir os obxectivos especificados no plano de estudos. Espérase que o profesor ten formación suficiente, neste sentido, como para modificar a súa actividade pedagóxica cando os estudantes o informen ao respecto. Ou que posúe a suficiente motivación ou se lle proporcionan os suficientes incentivos como para implicarse en programas formativos que el mesmo debe identificar como os máis apropiados para as súas necesidades.

Na nosa opinión, porén, esta análise, que non pode ser xeneralizada, non se corresponde coa realidade da vida universitaria. Primeiro, porque poucas universidades dispoñen dun programa de formación inicial do seu profesorado que garanta os coñecementos pedagóxicos suficientes como para “poder elixir” os métodos e técnicas máis apropiados. Segundo, porque poucas universidades teñen un programa formativo dirixido ao profesorado que estea vinculado cun “diagnóstico” previo e individualizado das súas necesidades formativas. Terceiro, porque para que se cumpran os obxectivos establecidos no currículo necesítanse non só profesores competentes e dedicados a este labor, senón tamén estudantes coas competencias necesarias para aprender e coa motivación necesaria para facelo. Cuarto, porque o profesorado e o estudantado necesitan de asesoramento especializado que os oriente na dirección adecuada para mellorar de forma continua. Por iso, lonxe de reducir a cantidade de información derivada dos procesos de avaliación docente, o que parece máis recomendable é buscar a información realmente pertinente para a tarefa de asesorar e proporcionar recursos formativos e que, proxectada no tempo, permita coñecer o grao de cambio e a súa dirección, tanto desde a perspectiva individual do profesorado ou o alumnado, como desde a máis global da Universidade.

Polo anterior, a Universidade da Coruña preferiu optar por un proceso de avaliación para a formación que persegue optimizar os recursos de que dispoñemos e ser útil á comunidade universitaria. O obxectivo é deseñar un plano formativo para o profesorado, o alumnado, e o persoal de administración e servizos, que axude a mellorar as súas competencias profesionais e a que todos fagamos mellor as nosas tarefas ano tras ano. Este plano formativo inclúe a creación dos grupos departamentais de calidade como destinatarios dunha parte importante das iniciativas de formación, pero implica tamén a posta en marcha e o aumento ou mellora anual de cursos presenciais e virtuais dirixidos aos tres colectivos mencionados.

A avaliación non ten sentido se non proporciona oportunidades de reflexión e de cambio. O marco europeo en que nos encontramos fai que isto, máis alá dunha realidade, sexa tamén unha necesidade que implica a evolución profesional de todos os que formamos a comunidade universitaria.

Mediante a avaliación poderemos elaborar o Plano Director Docente de cada curso. Nel analizaranse e planificaranse as necesidades de apoio da comunidade universitaria e a súa redacción traducirase nun Plano de Apoio ao Ensino, un Plano de Apoio á Aprendizaxe (ambos xa elaborados para o curso 2003-2004) e un Plano de Apoio á Xestión (en elaboración).

Os datos para a súa elaboración obtéñense mediante un procedemento de cuestionario e refírense por separado ás necesidades relacionadas co ensino e coa aprendizaxe, recollendo así o sesgo cara ás actividades de aprendizaxe que define o novo marco universitario.

O profesorado contesta a preguntas sobre as súas competencias como docente e outras sobre as competencias que atribúen aos seus estudantes, considerados como grupo, en tanto que aprendices.

O alumnado contesta a preguntas sobre a súa satisfacción con cada materia cursada, coa finalidade de valorar o papel que desempregou na súa formación, e sobre como percibe a súa actividade persoal nela, así como acerca da percepción que ten das súas competencias como aprendiz.

Nunha segunda fase incluirase ao PAS neste proceso co fin de identificar as demandas que reciben do profesorado e estudantado e valorar a súa capacitación ou os recursos de que dispoñen para atendelas.

Aínda sendo a realización da Avaliación Docente un compromiso institucional, a participación segue sendo voluntaria e os datos confidenciais, pero a participación non é anónima. En primeiro lugar, porque as opinións persoais nunca son coñecidas polo destinatario, o que garante a confidencialidade necesaria para informar sinceramente. En segundo lugar, porque as valoracións deben ser froito dunha reflexión responsable. En terceiro lugar, porque unha vez cubertos os cuestionarios e en función do plano formativo dispoñible na UDC, os participantes reciben información sobre os resultados, sobre o seu perfil formativo e sobre os recursos que a Universidade pon á súa disposición para mellorar nos aspectos que o requiran. E, en cuarto lugar, porque os datos almacenados ano tras ano se utilizarán para xerar históricos que amosen a evolución de cada docente e de cada estudante nos diferentes ámbitos avaliados e en función dos recursos formativos que utilizase.

Precisamente, será a análise dos datos históricos o que servirá de base para avaliar o Programa Formativo da Universidade (constituído polos Planos de Apoio ao Ensino, á Aprendizaxe e á Xestión), xa que o estudo da relación entre as necesidades expresadas, o uso de recursos e as novas demandas comunicadas na seguinte avaliación, permitirá valorar a eficacia que teñen os recursos ofertados.

A avaliación dun programa é clave para poder mantelo no tempo e para que se poida identificar a relación custo–beneficio que produce. Este é, ao noso xuízo, un modo máis eficiente e socialmente responsable de utilizar os recursos, sempre escasos, de que dispoñemos as Universidades públicas.

Todo iso sobre a base dunha confianza básica nos axentes que intervimos neste proceso, retirando da avaliación calquera elemento que contribúa a desvirtuar o seu sentido ou a cuestionar a validez dos seus resultados. Isto implica confiar na profesionalidade do profesorado e na responsabilidade e iniciativa do estudantado, do PAS e da propia Institución.

Isto require tamén integrar a avaliación docente na actividade académica ordinaria dun curso, de modo que a súa realización sexa tan normal como a asistencia ás clases ou a realización de prácticas.

Pero necesita tamén dunha maior dignificación. A avaliación docente tende a ser vista por profesorado e alumnado como algo improdutivo e que non require de esforzo intelectual. E isto non pode ser admitido cando estamos a falar dunha actividade reflexiva que resume e integra a actividade desenvolvida ao longo dun curso ou un trimestre e cando, nalgúns casos, é condicionante dos recursos ou do futuro profesional do profesorado. Ao contrario, a avaliación docente e os seus efectos sobre a formación de docentes e estudantes, así como sobre a mellora da propia Universidade, debe entenderse como unha das actividades máis serias e produtivas para a comunidade universitaria.

Por último, implica tamén retirar a avaliación docente do terreo dos incentivos económicos e de calquera tentativa sancionadora. Avaliamos a docencia para que o resultado da formación universitaria sexa mellor cada día e esa, e non outra, é a tarefa diaria de quen desde o nivel institucional ou desde o día a día nas aulas traballamos por unha sociedade máis xusta e desenvolvida nun mundo cada vez mellor.