|
A
Avaliación Docente da Universidade da Coruña está formada por unha
batería de enquisas para o alumnado e para o profesorado que se
contestan integramente a través da internet.
Hai dous tipos de enquisas: xerais e por materias. Dentro das Enquisas por materias
o alumnado avalía a docencia de cada profesor/a en cada materia,
mentres que a súas propias competencias para a aprendizaxe autoavalíaas
no enlace de Enquisas xerais. O profesorado, pola súa banda, en Enquisas por materias
ten as correspondentes á autoavaliación da súa docencia, e mais as de
avaliación das competencias do alumnado para a aprendizaxe, que se fan
dun xeito global; no enlace de Enquisas xerais atópanse os cuestionarios de autoavaliación de competencias para o ensino. Os Cuestionarios de Avaliación da Docencia Universitaria,
teñen como obxectivo detectar as necesidades de alumnado e profesorado
no desenvolvemento da docencia, cara a estudar as alternativas de
organización e programas de apoio e formación que mellor satisfagan as
necesidades detectadas. Tanto os cuestionarios para o alumnado como
para o profesorado estrutúranse atendendo principalmente a tres
dimensións da docencia (metodoloxía didáctica, avaliación e titoría),
con algúns ítems semellantes para contrastar as visións dos dous
colectivos. Estes cuestionarios pretenden recoller as percepcións e
valoracións subxectivas sobre diferentes aspectos da docencia
universitaria que consideramos relevantes cara ao obxectivo proposto.
Organízanse por materias, dividíndose, se for caso, segundo os/as
profesores/as que a impartan. As Escalas de Avaliación das Competencias do Alumnado para a Aprendizaxe
parten da idea de que estudar e aprender son actividades que requiren
do uso dunha serie importante de competencias e que se ben estas son
diferentes dunha materia a outra, algunhas pódense considerar comúns.
Nos novos planos de estudio que se están a facer coa filosofía ECTS as
competencias que se teñan identificado terán que ser especificadas e
desenvoltas en cada materia pero, dunha forma máis xeral, gustaríanos
contribuír á formación dos nosos estudantes naqueles aspectos en que
puideren necesitar apoio. Para iso, solicítase ao propio alumnado que
informe sobre estes aspectos, aínda que tamén se busca coñecer a visión
de conxunto do grupo nunha materia que pode proporcionar o profesorado.
Trátase de coñecer o grao de desempeño tanto en competencias
instrumentais como en competencias interpersoais. Os Cuestionarios de Autoavaliación das Competencias do Profesorado
baséanse en que ensinar, igual que aprender, implica estar aberto/a á
formación permanente, posto que para desenvolver unha docencia de
calidade parecen necesarias algunhas competencias e habilidades
profesionais que sempre podemos mellorar. Por iso, saber como se
percibe o profesorado nalgunhas desas competencias é importante para
deseñar o plano formativo da universidade e permitirá facer unha oferta
de formación personalizada a quen os responda. O cuestionario de
competencias para o ensino configúranse en catro dimensións
(metodoloxía didáctica, tecnoloxía educativa, ensino semi-presencial, e
saúde e prevención de riscos laborais) e tamén hai outro cuestionario
sobre competencias lingüísticas en idiomas estranxeiros. Todas
as escalas e cuestionarios poden verse no enlace "Ver as enquisas" do
menú principal desta páxina.
|