Inicio
Presentación
Para que as enquisas
Informe Técnico
Procedemento
Ver texto das enquisas
Histórico de datos
Resultados
PREGUNTAS frecuentes
Enlaces de interese
Preguntas e suxestións

Preguntas frecuentes
 
Cando se fai a Avaliación Docente da UDC?
Quen pode realizar a Avaliación Docente da UDC?
Cal é o meu Usuario e o Contrasinal?
Como consigo o Usuario e o Contrasinal?
Como podo saber se o meu Usuario e o meu Contrasinal funcionan ben?
Que fago se poño ben o meu Usuario e Contrasinal pero me sae o aviso “Produciuse un erro na autenticación”?
Por que non me aparecen todas as materias que teño matriculadas (estudantes) ou imparto (docentes)?
Por que non podo facer a avaliación e sae a mensaxe “Non se atoparon materias a avaliar”?
Onde podo facer a Avaliación Docente da UDC?
Que requisitos debe cumprir un PC para poder facer a Avaliación Docente da UDC?
Que pasa se o PC se bloquea ou se pecha o navegador por un erro?
Por que sae a pantalla de datos de acceso (usuario e contrasinal) cando fago algo despois dun tempo?
Cantas enquisas teño que facer?
Cando teño que cubrir as enquisas?
Podo deixar a Avaliación Docente a medias ou dun día para outro e revisala as veces que queira?
No primeiro cuadrimestre, podo deixar algunha enquisa para facela a fin de curso?
Como sei se fixen todas as enquisas?
Como consigo o crédito de libre elección?
Que fago se teño unha pregunta ou dúbida non contemplada aquí, ou se quero facer algunha suxestión?
Debo confiar na entidade certificadora de UDC?
  
Cando se fai a Avaliación Docente da UDC?

  • Para as materias cuadrimestrais impartidas no primeiro cuadrimestre, a avaliación está aberta durante catro semanas: comeza en xaneiro, o luns da última semana de clases dese cuadrimestre, e remata en febreiro, o domingo anterior ao comezo do segundo cuadrimestre.
  • Para as materias anuais e as cuadrimestrais impartidas no segundo cuadrimestre, a avaliación comeza o luns da última semana de clases do curso académico e está aberta durante seis semanas.

Quen pode realizar a Avaliación Docente da UDC?

  A Avaliación Docente UDC pode ser levada a cabo por todo o alumnado matriculado en titulacións oficiais de 1º e 2º ciclo e de grado ou en mestrados que non sexan interuniversitarios. Tamén pode facela todo o profesorado con carga docente no curso actual e que así figure no Plano de Organización Docente (POD) da Universidade da Coruña, incluídos os dos Centros Adscritos.

Cal é o meu Usuario e o Contrasinal?

 Para acceder, tanto se é estudante como se é docente, deberá utilizar o nome de usuario e o contrasinal obtidos ao rexistrarse en https://servizos.udc.es . Teña en conta que o "usuario" non inclúe a parte de dominio internet (non leva a parte @udc.es).

Como consigo o Usuario e o Contrasinal?

  Para dispoñer de usuario e contrasinal, debe rexistrarse na web https://servizos.udc.es. Se xa o fixo pero non lembra os seus datos, deberá poñerse en contacto co Centro de Atención a Usuarios (CAU) na extensión telefónica 2222.

  • Se é estudante de primeiro ingreso, ao matricularse recibiu unha clave para darse de alta en https://servizos.udc.es. Se non a atopa, na Secretaría do seu centro pódenlla xerar de novo. Terá que presentar o seu DNI.
  • Se é docente novo na UDC, ao firmar o contrato recibiu unha clave para darse de alta en https://servizos.udc.es. Se non a atopa, pódenlla xerar de novo no Servizo de PDI. Terá que presentar o seu DNI.

.

Como podo saber se o meu Usuario e o meu Contrasinal funcionan ben?

 Se pode acceder a https://servizos.udc.es o seu usuario e contrasinal son correctos. O erro de acceso pode deberse a tarefas de mantemento non
programadas ou problemas temporais. Volva a intentalo pasados unhos minutos..

Que fago se poño ben o meu Usuario e Contrasinal pero me sae o aviso “Produciuse un erro na autenticación”?

  Comprobe que en “Colectivo” marcou o que corresponde á súa situación: Estudante, PDI ou “Proxectos e convenios”.
  [Dentro de “Proxectos e convenios” atópase o profesorado de categorías non-LOU (Parga Pondal, Ánxeles Alvariño, ...). Esta é unha clasificación dependente do tipo de contrato e allea a Avaliación Docente.]

Por que non me aparecen todas as materias que teño matriculadas (estudantes) ou imparto (docentes)?

  Só se poden avaliar as materias que veñen de rematar, e que en xaneiro/febreiro son as do primeiro cuadrimestre. As materias anuais a as do segundo cuadrimestre avalíanse en xuño/xullo. Ademais, o Proxecto de fin de carreira non se avalía. Compróbeo e, se non son estes os problemas faga o seguinte:
  • Se é estudante: comprobe a súa matrícula na Secretaría do seu centro.
  • Se é docente: comprobe o POD en http://matricula.udc.es/podaberto/ . Se atopa algún erro, comuníqueo ao responsable do POD (Dirección do seu Departamento ou Coordinación do Mestrado) para futuras constancias, aínda que a efectos da Avaliación Docente unha vez comezada non é posible actualizar ningún cambio.

Por que non podo facer a avaliación e sae a mensaxe “Non se atoparon materias a avaliar”?

  Polo mesmo motivo da pregunta anterior (ver arriba). Non obstante, se está matriculado/a (estudantes) ou se figura no POD (docentes), debería poder cubrir a enquisa de competencias, dentro de “Enquisas xerais”. Se non pode: comprobe a súa matrícula (estudantes) ou comprobe o seu POD (docentes).

Onde podo facer a Avaliación Docente da UDC?

  A Avaliación Docente da UDC está dispoñible desde calquera computador (ou outro dispositivo) conectado a Internet ou desde as Aulas-Net dos distintos centros da UDC, desde as 8.00 ata as 22.00 horas, todos os días da semana.

Que requisitos debe cumprir un PC para poder facer a Avaliación Docente da UDC?

• O PC debe dispoñer dun “navegador” (Internet Explorer, Mozilla, Opera, Safari, ...).
• O navegador debe estar configurado para aceptar cookies.

Que pasa se o PC se bloquea ou se pecha o navegador por un erro?

  O programa de Avaliación Docente almacena o estado das enquisas continuamente polo que, se o navegador ou o PC falla ou se perde a conexión de rede, no momento en que a situación se resolva pódese volver co mesmo estado que cando se bloqueou e non se perde ningunha información.

Por que sae a pantalla de datos de acceso (usuario e contrasinal) cando fago algo despois dun tempo?

  Polas especiais características da aplicación, a seguridade é especialmente importante. Por iso, despois dun certo tempo sen utilizar o sistema, bloquéase e pide de novo os datos de acceso. Isto protexe ao usuario/a dun uso indebido para que en caso de deixar por erro o computador aberto, non poida utilizarse con fins non apropiados.

Cantas enquisas teño que facer?

  • Se é estudante: unha enquisa para cada profesor/a que imparta cada materia matriculada, máis unha enquisa “xeral” sobre as súas propias competencias.
  • Se é docente: dúas enquisas por cada materia impartida (unha sobre a súa docencia e outra sobre as competencias do seu alumnado), máis unha enquisa “xeral” sobre as súas propias competencias.

Cando teño que cubrir as enquisas?

  • As enquisas por materias teñen que cubrirse ao remate do período no que se impartiran as súas clases: primeiro ou segundo cuadrimestre (ou curso académico no caso das materias anuais).
  • A enquisa xeral (autoavaliación de competencias) pódese cubrir en calquera dos dous períodos de avaliación.

Podo deixar a Avaliación Docente a medias ou dun día para outro e revisala as veces que queira?

  As enquisas poden responderse en calquera momento, e de ningunha maneira é obrigatorio contestar a todas na mesma sesión. O sistema garda os datos da Avaliación Docente aínda que se peche o navegador ou se apague o computador. Así mesmo, se polas circunstancias que fosen non cre procedente responder unha enquisa en particular, pode deixala sen contestar ata outro día e seguir coas demais.

No primeiro cuadrimestre, podo deixar algunha enquisa para facela a fin de curso?

  Só pode deixar a enquisa “xeral”. As enquisas por materias non se poden deixar porque as materias que se están avaliando son só as do primeiro cuadrimestre. A fin de curso avaliaranse unicamente as materias do segundo cuadrimestre e as anuais.

Como sei se fixen todas as enquisas?

  As enquisas sen cubrir teñen ao seu lado a palabra “Pendente”, escrita en cor vermella. Cando se cubre e envía correctamente unha enquisa, ao volver ao listado aparece a palabra “Cuberta”, escrita en cor verde. A súa avaliación finaliza cando en todas as enquisas indica que está “Cuberta”.

Como consigo o crédito de libre elección?

  Recibe un crédito de libre elección o alumnado de 1º e 2º ciclo que cubre todas as enquisas de todas as materias nas que estea matriculado, dentro dos prazos establecidos: as cuadrimestrais á finalización do cuadrimestre correspondente e as anuais a fin de curso.
  Deberá recoller o certificado para validalo na Secretaría do seu Centro a partir de setembro.

Que fago se teño unha pregunta ou dúbida non contemplada aquí, ou se quero facer algunha suxestión?

  Atendemos e respondemos exclusivamente por escrito. Escriba unha mensaxe dende o seu correo da UDC a . Só poderemos contestar a mensaxes remitidas dende direccións de correo electrónico do dominio @udc.es.

Debo confiar na entidade certificadora de UDC?

  A Avaliación Docente da UDC está protexida por un protocolo de seguranza que se denomina SSL e permite manter as comunicacións entre o servidor e o PC seguras. Para poder traballar con este protocolo é preciso que o cliente confíe no servidor antes de comezar as comunicacións. Por iso, soamente a primeira vez que se conecte con Avaliación Docente da UDC apareceralle unha mensaxe preguntándolle se desexa confiar no CA (entidade certificadora) da UDC. Vostede debe confirmar esta mensaxe para usar a Avaliación Docente da UDC. Esta confirmación non produce ningún perigo para a seguranza do seu PC nin produce ningún compromiso pola súa parte. 

Usuario e contrasinal para facer as enquisas: os obtidos en http://servizos.udc.es.

En caso de dúbida consulte as "Preguntas frecuentes", no menú da esquerda.