|
A avaliación docente na Educación
Superior ten algunhas peculiaridades que fan que mereza a pena deterse
a reflexionar sobre ela sequera un momento.
Contrariamente a outros niveis da
educación, en que a avaliación se centra no proceso de
ensino–aprendizaxe que ten lugar ao redor das materias que configuran o
currículo, na Universidade dispoñemos dunha forma de avaliación
engadida cuxa responsabilidade recae sobre a Institución e que vén
constituír un criterio de calidade como reveladora do interese pola
mellora da docencia universitaria: a avaliación docente. No primeiro
caso, a avaliación na Universidade ten moitos elementos conceptualmente
comúns cos demais niveis educativos. No segundo, non sempre está claro
qué avaliamos, para que e cales son os medios máis apropiados.
En termos xerais, a avaliación docente
veu desempregando unha función de control ou fiscalización da
actividade desenvolvida polo profesorado. Dadas as características do
Ensino Superior utilizouse a avaliación docente para identificar o grao
de cumprimento do profesorado das súas obrigas e o nivel de
satisfacción do alumnado co ensino recibido nas materias que cursou.
Non en poucas ocasións se outorgou a esta información o carácter de
indicador da calidade docente, actuando ás veces como criterio para a
recepción dalgún complemento retributivo ou de máis ou menos orzamento
para a docencia. En calquera caso, as finalidades máis comúns
poderíanse sintetizar na valoración do cumprimento e satisfacción xeral
do estudantado co seu profesorado e coas materias cursadas.
Na actualidade, ao anterior habería que
engadir o factor acreditación: o profesorado debe acreditarse como paso
previo á súa contratación nalgunha das figuras que establece a LOU, e
iso fortalece a visión do resultado da avaliación como indicador de
calidade docente.
A posibilidade de que o alumnado valore
o ensino recibido sempre se considerou como un elemento moderador de
calquera tendencia á arbitrariedade e como un estímulo para mellorar
aqueles aspectos que resultan avaliados máis negativamente. Que o
profesorado reciba información sobre a súa actividade considérase en si
mesmo como un elemento de cambio. Porén, os problemas que presenta este
tipo de avaliación docente son moitos, e non nos deteremos aquí a
comentalos todos, aínda que si mencionaremos algúns a continuación.
Parece bastante evidente que a docencia
non é un proceso que resulta da acción unidireccional do profesorado. A
docencia é o referente sistémico da actuación de varias forzas nun
contexto dado. O contexto facilítao o propio currículo e o centro en
que se desenvolve (coas súas posibilidades e límites materiais e
humanos). As forzas implican a profesores e estudantes que representan
as dúas caras dunha mesma moeda. No ten sentido ensinar se non existe
alguén que deba aprender. De igual xeito que non pode existir
aprendizaxe, en sentido educativo (polo tanto, situado nun contexto
intencional e propositivo desde a perspectiva sociocultural) sen que
exista alguén en disposición de ensinar.
Se a docencia fose o resultado
unidireccional podería entenderse unha avaliación centrada na
valoración da actividade do profesor. Pero posto que a docencia
reflicte o resultado dunha actuación conxunta entendemos que debe
contemplar a ambos, a quen está en disposición de ensinar e a quen está
en disposición de aprender, dado que o resultado do que sucede depende
da interacción entre eles.
Por este motivo, non consideramos
oportuno avaliar só a satisfacción do alumnado. Isto pode ser razoable
para quen o considere o “cliente” dun servizo e, por tanto, alleo ao
seu funcionamento. Pero o estudante, educativamente falando, non é
cliente, é actor. Tanto como o é o profesor, polo que o resultado da
docencia ao longo do curso variará en función das características e
decisións que uns e outros teñan ou tomen.
Pero, que avaliar? Na nosa opinión debe
ser avaliado aquilo sobre o que institucionalmente intervimos. É obvio
que a avaliación dos contidos do currículo lle corresponde ao
profesorado, igual que o é a posición que o alumnado ocupa en relación
con ela. Avalíase aquilo sobre o que se interveu e que resulta dunha
planificación dirixida á consecución de determinados obxectivos. No
caso da Institución Universitaria que avalía anualmente a súa docencia,
de que xeito podemos operativizar os obxectivos que persegue e en que
accións podemos traducir a súa intervención?
A pregunta non é banal se partimos de
que é demasiado frecuente que a avaliación docente se esgote en si
mesma. Avalíase para informar acerca do xeito en que o profesorado
desenvolve pedagoxicamente a súa materia. Non se enxuíza a súa
preparación científica ou académica, senón o modo en que a desprega
para conseguir os obxectivos especificados no plano de estudos.
Espérase que o profesor ten formación suficiente, neste sentido, como
para modificar a súa actividade pedagóxica cando os estudantes o
informen ao respecto. Ou que posúe a suficiente motivación ou se lle
proporcionan os suficientes incentivos como para implicarse en
programas formativos que el mesmo debe identificar como os máis
apropiados para as súas necesidades.
Na nosa opinión, porén, esta análise, que
non pode ser xeneralizada, non se corresponde coa realidade da vida
universitaria. Primeiro, porque poucas universidades dispoñen dun
programa de formación inicial do seu profesorado que garanta os
coñecementos pedagóxicos suficientes como para “poder elixir” os
métodos e técnicas máis apropiados. Segundo, porque poucas
universidades teñen un programa formativo dirixido ao profesorado que
estea vinculado cun “diagnóstico” previo e individualizado das súas
necesidades formativas. Terceiro, porque para que se cumpran os
obxectivos establecidos no currículo necesítanse non só profesores
competentes e dedicados a este labor, senón tamén estudantes coas
competencias necesarias para aprender e coa motivación necesaria para
facelo. Cuarto, porque o profesorado e o estudantado necesitan de
asesoramento especializado que os oriente na dirección adecuada para
mellorar de forma continua. Por iso, lonxe de reducir a cantidade de
información derivada dos procesos de avaliación docente, o que parece
máis recomendable é buscar a información realmente pertinente para a
tarefa de asesorar e proporcionar recursos formativos e que, proxectada
no tempo, permita coñecer o grao de cambio e a súa dirección, tanto
desde a perspectiva individual do profesorado ou o alumnado, como desde
a máis global da Universidade.
Polo anterior, a Universidade da Coruña
preferiu optar por un proceso de avaliación para a formación que
persegue optimizar os recursos de que dispoñemos e ser útil á
comunidade universitaria. O obxectivo é deseñar un plano formativo para
o profesorado, o alumnado, e o persoal de administración e servizos,
que axude a mellorar as súas competencias profesionais e a que todos
fagamos mellor as nosas tarefas ano tras ano. Este plano formativo
inclúe a creación dos grupos departamentais de calidade como
destinatarios dunha parte importante das iniciativas de formación, pero
implica tamén a posta en marcha e o aumento ou mellora anual de cursos
presenciais e virtuais dirixidos aos tres colectivos mencionados.
A avaliación non ten sentido se non
proporciona oportunidades de reflexión e de cambio. O marco europeo en
que nos encontramos fai que isto, máis alá dunha realidade, sexa tamén
unha necesidade que implica a evolución profesional de todos os que
formamos a comunidade universitaria.
Mediante a avaliación poderemos elaborar
o Plano Director Docente de cada curso. Nel analizaranse e
planificaranse as necesidades de apoio da comunidade universitaria e a
súa redacción traducirase nun Plano de Apoio ao Ensino, un Plano de
Apoio á Aprendizaxe (ambos xa elaborados para o curso 2003-2004) e un
Plano de Apoio á Xestión (en elaboración).
Os datos para a súa elaboración
obtéñense mediante un procedemento de cuestionario e refírense por
separado ás necesidades relacionadas co ensino e coa aprendizaxe,
recollendo así o sesgo cara ás actividades de aprendizaxe que define o
novo marco universitario.
O profesorado contesta a preguntas sobre
as súas competencias como docente e outras sobre as competencias que
atribúen aos seus estudantes, considerados como grupo, en tanto que
aprendices. O
alumnado contesta a preguntas sobre a súa satisfacción con cada materia
cursada, coa finalidade de valorar o papel que desempregou na súa
formación, e sobre como percibe a súa actividade persoal nela, así como
acerca da percepción que ten das súas competencias como aprendiz.
Nunha segunda fase incluirase ao PAS
neste proceso co fin de identificar as demandas que reciben do
profesorado e estudantado e valorar a súa capacitación ou os recursos
de que dispoñen para atendelas.
Aínda sendo a realización da Avaliación
Docente un compromiso institucional, a participación segue sendo
voluntaria e os datos confidenciais, pero a participación non é
anónima. En primeiro lugar, porque as opinións persoais nunca son
coñecidas polo destinatario, o que garante a confidencialidade
necesaria para informar sinceramente. En segundo lugar, porque as
valoracións deben ser froito dunha reflexión responsable. En terceiro
lugar, porque unha vez cubertos os cuestionarios e en función do plano
formativo dispoñible na UDC, os participantes reciben información sobre
os resultados, sobre o seu perfil formativo e sobre os recursos que a
Universidade pon á súa disposición para mellorar nos aspectos que o
requiran. E, en cuarto lugar, porque os datos almacenados ano tras ano
se utilizarán para xerar históricos que amosen a evolución de cada
docente e de cada estudante nos diferentes ámbitos avaliados e en
función dos recursos formativos que utilizase.
Precisamente, será a análise dos datos
históricos o que servirá de base para avaliar o Programa Formativo da
Universidade (constituído polos Planos de Apoio ao Ensino, á
Aprendizaxe e á Xestión), xa que o estudo da relación entre as
necesidades expresadas, o uso de recursos e as novas demandas
comunicadas na seguinte avaliación, permitirá valorar a eficacia que
teñen os recursos ofertados.
A avaliación dun programa é clave para
poder mantelo no tempo e para que se poida identificar a relación
custo–beneficio que produce. Este é, ao noso xuízo, un modo máis
eficiente e socialmente responsable de utilizar os recursos, sempre
escasos, de que dispoñemos as Universidades públicas.
Todo iso sobre a base dunha confianza
básica nos axentes que intervimos neste proceso, retirando da
avaliación calquera elemento que contribúa a desvirtuar o seu sentido
ou a cuestionar a validez dos seus resultados. Isto implica confiar na
profesionalidade do profesorado e na responsabilidade e iniciativa do
estudantado, do PAS e da propia Institución.
Isto require tamén integrar a avaliación
docente na actividade académica ordinaria dun curso, de modo que a súa
realización sexa tan normal como a asistencia ás clases ou a
realización de prácticas.
Pero necesita tamén dunha maior
dignificación. A avaliación docente tende a ser vista por profesorado e
alumnado como algo improdutivo e que non require de esforzo
intelectual. E isto non pode ser admitido cando estamos a falar dunha
actividade reflexiva que resume e integra a actividade desenvolvida ao
longo dun curso ou un trimestre e cando, nalgúns casos, é condicionante
dos recursos ou do futuro profesional do profesorado. Ao contrario, a
avaliación docente e os seus efectos sobre a formación de docentes e
estudantes, así como sobre a mellora da propia Universidade, debe
entenderse como unha das actividades máis serias e produtivas para a
comunidade universitaria.
Por último, implica tamén retirar a
avaliación docente do terreo dos incentivos económicos e de calquera
tentativa sancionadora. Avaliamos a docencia para que o resultado da
formación universitaria sexa mellor cada día e esa, e non outra, é a
tarefa diaria de quen desde o nivel institucional ou desde o día a día
nas aulas traballamos por unha sociedade máis xusta e desenvolvida nun
mundo cada vez mellor.
|