Xuño en NORMAL

TÉ con MADALENAS e máis actividades

TÉ con MADALENAS

TCM

O 3 de xuño comezará o proceso de montaxe e creación, o work-in-progress de TÉ CON MADALENAS, que será totalmente público. No horario de apertura habitual da sala, de 11 a 22 horas, os visitantes poderán observar, libre e gratuitamente, o día a día da montaxe e ver como evoluciona a exposición. Un proceso de construción que rematará o 19 de xullo ás 20 horas, coa “non inauguración” que celebrará o final do work-in-progress.

TÉ CON MADALENAS é un proxecto artístico que pretende mostrar o ser e o crear das oito persoas que o conforman e que desenvolverán, ao longo de tres meses e especificamente para NORMAL, oito proxectos polifacéticos (instalacións, obradoiros, workshops, performance, proxectos de colaboración cidadá) nos que falarán delas mesmas e dos tempos, espazos e memorias que as constrúen. Begoña Ante, Paula Cabaleiro, Carolina Cruz Guimarey, Christian García Bello, Lula Goce, Jorge Perianes, Laura Piñeiro e Neves Seara son os oito nomes que protagonizan esta exposición work-in-progress aberta á participación cidadá. Un proxecto comisariado e coordinado por Clara Rodríguez Cordeiro que é un convite á intervención do público no proceso de creación a través das diversas actividades gratuítas que se irán desenvolvendo.

Actividades de TÉ CON MADALENAS en xuño:

TCM/ 'Atalaia (Pena Branca)', mesa redonda con Christian García Bello

 Christian_GB

O artista coruñés ofrecerá unha charla o mércores 5 de xuño ás 20 horas, xunto a Rafael Calvo Ruso e Alberto Seoane Sesar, sobre o proceso de creación de Atalaia (Pena Branca), a peza que aporta á exposición de NORMAL. Entrada libre.

TCM/ 'Bosque, gramática do efémero', obradoiro artístico con Lula Goce

Lula_Goce

Obradoiro artístico gratuíto de tres días destinado a estudantes ou profesionais de arquitectura, belas artes, educación artística ou historia da arte. Os días 12, 13 e 14 de xuño, de 10 a 14 horas, a artista traballará en colaboración cun grupo máximo de 6 persoas. Aberta a inscrición.

TCM/ 'As que habitan a memoria', charla de Carolina Cruz Guimarey

Carolina_Cruz

Carolina Cruz Guimarey falará sobre As que habitan a memoria, o proxecto artístico de participación cidadá que concibiu para NORMAL e da instalación resultante. A charla será o xoves 27 ás 20 horas, con entrada libre.

Para alén disto, teremos máis actividades en NORMAL!

Mostra de 'O ollo da Arte'

Olloarte

Tras meses de traballo compartindo investigación e experiencias, o obradoiro O ollo da Arte pecha o curso cunha mostra dos traballos realizados polo alumnado. Danza, intervención, video-instalación, collage e outras técnicas daranse a man nesta mostra aberta a todo o público que queira achegarse para coñecer máis de preto os traballos do alumnado, así como o funcionamento deste obradoiro coordinado por Antía Otero. A cita, o mércores 12, de 18 a 21 horas, con accións en vivo realizadas pol@s autores e autoras.

Vertixe Sonora Ensemble en concerto

Vertixe

Baixo o titulo El Gran Cabrón e outras litografías, Vertixe Sonora Ensemble presentará, o 14 de xuño ás 20 horas, un programa onde prima o diálogo entre a música escrita e a música de creación espontánea. Pablo Coello, Ángel Faraldo e Diego Ventoso interpretarán o seguinte programa: VIV (2005), da compositora coreana afincada en Suíza Junghae Lee; os Três Quadros sobre Pedra (2009), orixinal para percusión e música pregrabada do portugués Luis Antunes; e a máis recente El Gran Cabrón (2012), peza para saxofón barítono e computadora do emerxente compositor madrileño Germán Alonso. A entrada é libre até completar a capacidade da sala.


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000