Arquivada a causa polos edificios irregulares da UDC

Arquivada a causa iniciada contra o profesor X. L. Martínez, o xefe do Servizo de Arquitectura e os arquitectos directores de obra polos edificios da Área Científica e da Unidade Mixta da Madeira

O secretario Xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo, informou onte en sesión de Consello de Goberno do arquivo da causa iniciada contra o profesor Xosé Lois Martínez, o xefe do Servizo de Arquitectura e os arquitectos directores de obra pola presunta construción irregular dos edificios da Área Científica e da Unidade Mixta da Madeira.
Amoedo deu conta na sesión de onte do Auto do xulgado de primeira instancia nº 1 da Coruña, do 26 de maio do 2013, polo que se ordena o sobresemento e arquivo provisional das dilixencias previas abertas nº 286/2012, por presuntos delitos contra a ordenación do territorio, contra o profesor Xosé Lois Martínez, o xefe de servizo de arquitectura e os arquitectos directores de obra dos edificios da Area Científica e da Unidade Mixta da Madeira.

Despois das distintas dilixencias practicadas, a xuíza de instrución, de conformidade co informe do fiscal, Álvaro Ortiz, concluíu que na construción dos edificios da Area Científica e da Unidade Mixta da Madeira non hai indicios racionais de delito contra a ordenación do territorio, por non terse menoscabado nin zonas verdes, nin tampouco viario cualificado como público. O secretario xeral aclarou que este punto foi obxecto de especial insistencia pola Universidade da Coruña nas súas alegacións aos expedientes abertos, tanto o penal como os expedientes de reposición da legalidade urbanística tramitados na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Finalmente, a xuíza de instrución deulle a razón á Universidade da Coruña, pois acreditouse que as denuncias presentadas se basearon nunha cartografía non actualizada do Plan Parcial do Campus Universitario, que debería terse actualizado tras a súa modificación puntual no ano 2002.

O secretario Xeral informou tamén que, á vista do anterior, e tendo en conta o seu carácter legalizable, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística arquivou as actuacións e remitiu o expediente de reposición da legalidade ao propio concello, para que, unha vez entre en vigor o PXOM, se proceda á legalización das actuacións urbanísticas.
Esta noticia restaura a boa imaxe da Universidade da Coruña e a profesionalidade de todo o persoal que fixo posible estas equipacións para o seu uso pola comunidade universitaria.
 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000