O Consello de Goberno, na súa sesión de 21 de marzo, aprobou solicitar de forma provisoria o cambio de denominación do título de Graduado/a en Enxeñaría da Edificación polo de Graduado/a en Arquitectura Técnica, mentres non se resolvan con carácter definitivo os procedementos xudiciais derivados da denominación “enxeñaría da edificación”.
Este cambio de denominación é necesario para superar a actual situación de inseguridade xurídica. Por iso, o equipo de goberno solicitou aos órganos da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica unha proposta de denominación provisoria. A Xunta de Escola, reunida en sesión extraordinaria o 7 de marzo de 2013, acordou propor a denominación alternativa “graduado ou graduada en enxeñaría da construcion arquitectónica”. Porén, esta denominación é xuridicamente inasumible e de improbable aprobación polos organismos avaliadores, por reiterar a palabra “enxeñaría”, causante da confusión que levou á anulación xudicial da denominación anterior e que mantería a situación de inseguridade xurídica dos nosos titulados.
En consecuencia, oída a Xunta de Escola de Arquitectura Técnica, o Consello de Goberno acordou, ao igual que o resto das universidades pertencentes á Conferencia de Reitores do Noroeste de España, solicitar o cambio da denominación por graduadoa/a en “arquitectura técnica” por ser esta a denominación da profesión regulada. Este cambio de denominación provisoria, mentres non se resolva con carácter definitivo a validez da actual denominación do título da Universidade da Coruña, non afecta ao plan de estudos aprobado por Resolución reitoral do 1 de febreiro de 2011 que se mantén en todos os seus termos coa única modificación da denominación.
Texto completo da proposta aprobada polo Consello de Goberno
Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000