Premio á reforma da Facultade de Dereito

A adaptación ao EEES da Facultade de Dereito vén de acadar o premio á Mellor Obra Novel nos XV Premios do COAG

Facultade de Dereito

A Reforma da Facultade de Dereito para a súa adaptación ao Espazo Europeo de Ensino Superior vén de acadar o premio á mellor obra Novel nos XV premios do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, celebrados no Teatro Rosalia de Castro da Coruña o día 14 de febreiro de 2013.

O proxecto e dirección de obra realizado polos arquitectos Elena Sarmiento Díez e Adrián Martín Prieto conseguiu mellorar varios aspectos na Facultade que precisaba dunha adaptación aos novos requirimentos do Plano Europeo de Ensino Superior.

O proxecto permite habilitar un espazo interior de 1500m2 no edificio nunha zona de soto, inicialmente marxinal pola súa inaccesibilidade á luz solar. A adaptación exterior de 1600m2 permite a introducción de luz e ventilación natural nos novos espazos interiores coa execución de dous patios creando uns espazos interiores que axudan a cubrir as demandas dos novos requirimentos na educación, maximizando o rendemento da actuación e optimizando o aproveitamento dos centros cun orzamento comprometido, onde incluso se chegaron a reciclar parte dos materiais. Cómpre destacar a utilización como bancos exteriores dos elementos de muro que foron retirando para habilitar as fiestras contra os novos patios.

O xurado destacou “a estratexia proxectual da modificación do exterior para mellorar o interior, modificando dende a contemporaneidade, a contención e a economía, un espazo existente”.

Máis información
 


Universidade da Coruña
Rúa da Maestranza, 9
15001 A Coruña
+34 981 167 000